Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

Xinzo de Limia bótase á rúa en apoio e solidariedade coa loita dos traballadores e traballadoras da Vidreira do Atlántico

02 Mar 2009

Perto dun millar de persoas protagonizan unha mobilización histórica nesta vila ourensá

Dúas faixas encabezaban esta manifestación, convocada polo Comité de Empresa da Vidreira do Atlántico. A primeira dela, que portaba o propio Comité de Empresa dicia «A Limia ten futuro. Solución do conflicto xa». Despois desta primeira pancarta un grupo numeroso de cargos institucionais dos concellos desta comarca mostraban o seu apoio coa sua presenza, dos concellos de Xinzo, Sandiás, Sarreaus, Baltar, Vilar de Santos, Trasmirás, Cualedro e Porqueira.

A segunda pancarta tiña por lema «Nin un paso atrás. polo mantemento dos postos de traballo na Vidriera do Atlántico. Por un convenio Xusto», e era levada por traballadores e traballadoras desta fábrica, que coas fundas do traballo acudiron a esta marcha, e que non pararon en ningún momento desta mobilización de alzar a súa voz pola negociación, pola defensa dos seus postos de traballo, asi como pola dignidade da súa loita, da lexitimidade das súas folgas e as súas demandas, polo que gritaban "somos traballadores, non somos delincuentes".

Comercios pechados en solidariedade

O apoio da vila de Xinzo foi moi amplo e importante. Os comercios aparecían pechados e a solidariedade continuaba a cada paso que se  daba polas rúas da capital da Limia. E asi pouco despois das seis e media da tarde chegabase á Praza Maior do Concello de Xinzo, no que terían lugar as palabras finais dos representantes sindicais da CIG e CCOO, asi como o manifesto final, ao que deu lectura o presidente do Comité de Empresa, Placido Valencia.

Carlos Fernández, representante de CCOO, interveu en primeiro lugar nesta Praza para presentar este acto final, asi como solicitar dúas quendas de aplausos: a primeira foi para os traballadores e traballadoras da Vidreira, que comezaron unha importante batalla, na defensa do emprego e dos seus dereitos, e pola súa combatividade e unidade, "porque o merecen"; e a segunda quenda de aplausos foi para Anxo García, da CIG de Verín, "quen está a deixar a pel neste conflito".Ademais agradeceu aos representantes institucionais que participaron desta marcha, asi como "ao pobo de Xinzo, que nos acompañou hoxe desta maneira tan importante".

Intervención do Presidente do Comité de Empresa

O presidente do Comité de Empresa e de Folga da Vidreira do Atlántico, Plácido Valencia, visibelmente emocionado polos berros de apoio e a forza de todas as súas compañeiras e compañeiros, familias e viciños e viciñas de Xinzo que o acompañaban nesta Praza, deu lectura a un manifesto final, que viña a explicar de novo as súas reivindicacións neste conflito.

Asi, Plácido Valencia incidía "en que os traballadores e traballadoras da Vidreira somos unha piña, e non imos deixar de pelexar, custe o que custe, até conseguir que esta sociedade dea mostras de razoabilidade, e xunto co conflito laboral, arranxe e garanta a permanencia da insutria na nosa comarca".

O presidente subliñaba que "estamos nunha situación moi difícil, no que o conflito deixou de ser unha cuestión laboral para pasar a ser un problema social que afecta a unha comarca enteira pola actitude prepotente e irreflexiva duns empresarios que simbolizan o pior dese sector económico: o desprezo e a falta da humanidade, convertindo ás persoas en números".

Chamamento ás institucións

Facía neste manifesto tamén un chamamento á clase política que "nos goberna e que hoxe aqui nos apoia que non favorezan políticas laborais que permitan utilizar ao traballador como un pano de usar e tirar, que non vendan aos traballadores e traballadoras fume, e que non permitan leis laborais que desprotexan aos máis débiles, fronte aos tiburóns como os que nos tocaron soportar na Vidreira do Atlántico". Reclamaba asi tamén "o apoio incondicional para salvar a empresa", asi como que se abandonaran as "liortas partidistas do pasado".

Tamén solicitaron "o apoio e a solidariedade da sociedade limiá, xa que non sabemos cando vai rematar este conflito" porque "somos un pobo digno que quere traballar, e que vai demostrar, coa cabeza ben alta e coa razón, que non se pode asoballar a ninguén en función da súa situación social, económica e territorial".

"Imos gañar este conflito"

Rematou esta intervención Plácido Valencia dirixíndose aos seus compañeiros e compañeiras para afirmar con moita emoción que "imos gañar este conflito, que a agresión contra un de nós será a agresión contra todos, e que imos demostrar que non se pode pisar a persoas".

Por último, Anxo García, da CIG, anotou que "van ter que sentar a negociar queiran ou non" e engadiu que "temos a razón, e por iso é que imos gañar", polo que animou a estes traballadores e traballadoras a continuar con forza neste conflito.

A mobilización rematou co canto do himno galego.

"Avaliación moi positiva"

Suso Seixo, secretario xeral da CIG, achegouse tamén até Xinzo de Limia para participar desta mobilización e amosar o seu apoio a este colectivo. Seixo considerou "moi positiva esta mobilización", e ademais avaliou "a importancia deste conflito, pola súa longa duración, a súa ampla participación, polo que hai que felicitalos polo seu compromiso e polo seu traballo, e tamén aos compañeiros da CIG, que o están a facer moi ben neste conflito". Criticou a actitude empresarial "porque queren reducir as condicións laborais que teñen aqui os propios traballadores". 

Galería gráfica da mobilización

Nesta ligazón, na sección multimedia da nosa páxina web, disponibilizamos unha galería gráfica con máis de trinta imaxes desta mobilización.

Volver