Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

Unha sentenza anula dúas contratacións ilegais realizadas polo Concello de A Gudiña en febreiro de 2008

28 Set 2009

O xulgado condena tamén ao goberno local a convocar a Mesa de Negociación e á CIG para reiniciar o proceso selectivo

A continuación  reproducimos o comunicado feito público pola Unión Local da CIG en Verín a respecto da sentenza:

Máis outra vez, infelizmente, temos que ollar como deben ser os tribunais os que corrixan as decisións arbitrarias e inxustas de certos Alcaldes da provincia de Ourense, que, sen saír do século XIX, pensan que a democracia consiste en facer o mesmo que xa viñan facendo, mais agora co engadido de tocar o trombón nunha campaña electoral e tornar en “taxistas” o día das votacións.

Na Unión Local da CIG de Verín case temos perdido a conta da cantidade de procesos xudiciais que nos ollamos na obriga de emprender, durante o ano 2009, contra decisións de Alcaldes e políticos, que ao cabo foron anuladas polos tribunais por seren inxustas e ilegais. Aí están casos tan significativos como os seguintes:

- Delegado de Persoal da CIG no Concello de Verín, despedido e readmitido por imposición xudicial.

- Praza de Auxiliar de Biblioteca adxudicada polo Concello de Verín e anulada por imposición xudicial

- Afiliado da CIG no Concello de Rariz da Veiga, con mais de 14 sentenzas de condena á institución.

- Afiliada da CIG no Concello de Rairiz da Veiga, despedida e readmitida por imposición xudicial.

- Afiliados da CIG no Concello dos Brancos, despedidos por dúas veces e readmitidos por imposición xudicial as dúas.

- 3 Afiliados da CIG no Concello de Calvos de Randín, despedidos e readmitidos por imposición xudicial. A este panorama habemos engadir agora a decisión adoptada polo Xulgado do Contencioso Administrativo nº 1 de Ourense, publicada o día 23 de Setembro do 2009, pola que, acollendo as teses da avogada da CIG de Verín, anulou unha praza de Conserxe no Colexio Laureano Prieto da Gudiña e unha praza de Vixiante Municipal de Obras e servizos, adxudicadas, ambas polo Alcalde do Concello no mes de febreiro do 2008, violando o dereito de liberdade sindical da CIG e, por extensión, limitando os dereitos de todos os traballadores/as a optar en pé de igualdade cos adxudicatarios.

Indefensión colectiva

Como sinalabamos no comezo deste comunicado, infelizmente, non é practica allea ás relacións laborais na administración local que moitos Alcaldes procuren beneficiar a achegados, amigos e familiares, outorgándolles, mesmo con ostentación pública, as prazas e postos de traballo que son de todos os cidadáns e cidadás. E diante de tais accións, a indefensión colectiva da sociedade “democrática” que se nega a ser cómplice de “chalaneos” e “compadreos” é tal, que o único que pode tentar é, pola vía xudicial, anular “con sorte” esas irregularidades e sentar a agardar a que o Alcalde ou político aprendan a cometelas mellor.

Non existe no sistema político vixente ningún resorte que permita, na práctica, evitar dun xeito eficaz estas actividades e, moi ao contrario, o enchufismo, o amiguismo e nepotismo a cada avantan máis, provocando unha involución nos valores democráticos das persoas que, en moitos casos, se ollan obrigadas a participar e rematan por entender que haxa que acudir a favores para ter dereito a traballar.

Non esquezamos que en moitos pequenos concellos da nosa provincia (e non tan pequenos), non estar adscrito ao grupo político correcto, provoca unha sorte de exclusión social que aboca a moitos cidadáns ou a irse deses lugares, ou a vivir illados e sen posibilidades de acceder ao reparto da torta de postos de traballo que controlan as Alcaldías. Trátase dun absoluto fracaso colectivo deste sistema.

En calquera País normalizado non sería asumíbel socialmente que o Presidente da provincia, propulsara familiarmente un seu “mini yo”, para herdar os cargos e responsabilidades obtidos, previamente, por mandado dos cidadáns; mais, aquí, pola contra, por riba rímoslle a graza. En fin, como dicía o cantautor portugués: “Así se faz Portugal, uns vao bem e outros mal”.

Servizos xurídicos

A Unión Local da CIG de Verín, no caso que nos ocupa, tras ser condenado o Concello da Gudiña a anular as citadas prazas, así como a convocar a Mesa Xeral de Negociación e á CIG, co obxecto de reiniciar o proceso selectivo en condicións legais; ofrece a todos os participantes no proceso anulado, os seus servizos xurídicos, de xeito gratuíto, por se desexan emprender accións xudiciais contra a institución local e o Alcalde, en reclamación dos danos e prexuízos sufridos, derivados de permanecer mais dun ano privados do dereito a ter un posto de traballo público.

Volver