Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

Un grupo de traballadores/as da Vidreira levou a cabo unha protesta silenciosa diante do Pazo de Xustiza de Ourense

27 Xul 2009

Reclaman "xustiza para a nosa causa"

As últimas decisións xudiciais recaídas sobre materias non sometidas á consideración dos tribunais e que viñeron a condicionar e determinar decisivamente o conflito sindical aberto dende o mes de xaneiro do 2009; provocaron que a CIG, en exercicio do seu lexítimo dereito á liberdade sindical e de expresión, acordara realizar un acto de protesta, fronte ao que se consideran unhas "improcedentes e nulas decisións xudiciais, sustentadas en pronunciamentos ao redor de asuntos que se estaban a ventilar no ámbito dun conflito sindical e non no marco dun conflito xurídico”, apunta o responsábel da CIG-Verín, Anxo García Torres.

Así, esta mañá, un grupo de traballadores e traballadoras da Vidreira do Atlántico trasladáronse até o Pazo de Xustiza de Ourense vestidos coma os presos de Guantánamo, e levando unha faixa na que se podía ler "Somos todos iguais ante a lei? Xustiza para os traballadores/as da Vidreira do Atlántico"

Con independencia de que a CIG e os traballadores/as iniciasen os oportunos recursos contra a sentenzas sinaladas, aos consideralas nulas, “acreditamos que é o momento de exercer, a maiores, o noso dereito a liberdade de expresión, protestando contra resolucións que consideramos inxustas, dende un punto de vista xurídico-sindical”, apuntou o responsábel da CIG de Verín.

Opinión "non solicitada"

A protesta chega logo da sentenza a respecto do conflito colectivo presentado polo persoal da factoría de Xinzo de A Limia, na que o xuíz emitiu o seu parecer sobre o plus de produtividade, unha cuestión que dende a CIG de Verín lembran que non fora sometida a valoración xudicial. 

Hai que lembrar que o conflito colectivo presentado procuraba un pronunciamento xudicial sobre a legalidade ou non da xornada imposta pola empresa en xaneiro do 2009 “e, incongruentemente, se emite, non só ese pronuniciamente, senón (de paso) unha opinión xudicial sobre o Plus de Actividade”, explica García Torres. 

Dende a Unión Local da CIG xa se anunciou que recorrerá en suplicación esta resolución, posto que, ademais do sinalado, o fallo se fundamenta nun medio de proba totalmente inconcebíbel. “A súa señoría sostén a súa opinión sobre o plus de actividade (non solicitada), en base a un documento asinado polo Administrador de Recursos Humanos da Empresa. É dicir, dáselle carácter de proba a un documento confeccionado pola propria empresa. É como se a CIG fixera un documento dicindo o contrario, o asinase o seu Secretario, e o xuíz asegurase que iso constitúe unha proba”, lamenta García Torres.

Volver