Un grupo de militantes da CIG protesta contra os recortes de Rajoy na inauguración dun cuartel da Garda Civil en Xinzo de Limia
Despregaron unha faixa para rexeitar “a fraude do Partido Popular” e lembrar que “a democracia constrúese co diálogo, non coa imposición”
Os membros da CIG chegaron ao lugar arredor das 11.30, media hora antes do inicio do acto de inauguración oficial do recinto, que contou coa presenza do director xeral da Garda Civil, o galego Arsenio Fernández de Mesa. O investimento na nova dotación do instituto armado superou os dous millóns de euros.
Un forte dispositivo policial encargouse de custodiar unha protesta que incluíu a colocación dunha faixa na que se podía ler “A democracia constrúese co diálogo, non coa imposición!!! Non á fraude do Partido Popular”.
Esta acción forma parte da campaña de mobilizacións iniciada pola central nacionalista para amosar o seu rexeitamento ás medidas antisociais e antiobreiras que está a aplicar o PP coa escusa da crise económica. A CIG aposta por un novo sistema económico e social máis xusto e solidario.