TRES PRAZAS TEMPORAIS NO CONCELLO DE VIANA DO BOLO
Contratarán a dúas persoas como auxiliares administrativos e unha máis como conserxe
O concello de Viana do Bolo fai público no BOP do 1 de febreiro, que mediante resolución da alcaldía con data 26 de xaneiro de 2018, apróbanse as bases e a convocatoria do proceso selectivo para a contratación de persoal laboral temporal mediante o sistema de concurso de méritos, dentro do Programa Provincial de Cooperación cos concellos en materia de empregabilidade, subvencionado pola Deputación de Ourense. O obxecto desta convocatoria é a selección de dúas persoas como persoal laboral temporal (máximo seis meses de duración) para realizar actuacións de auxiliar administrativo para as dependencias deste concello e un operario de servizos múltiples (conserxe) para as funcións propias do posto nas instalacións municipais. As bases da convocatoria estarán expostas ao público e a disposición das persoas interesadas nas oficinas municipais situadas en rúa Constitución, n.º 14, de Viana do Bolo, teléfono 988 340 120 e na páxina web municipal www.vianadobolo.es. O prazo de presentación de instancias será de 5 días e contarase a partir do día seguinte ao de publicación deste anuncio no BOP. Os sucesivos anuncios desta convocatoria, cando procedan de conformidade coas bases, publicaranse no taboleiro de edictos do concello e na páxina web.

