Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

A DEPUTACIÓN, TRAS A CONSTITUCIÓN DA SECCIÓN SINDICAL, CONVOCA Á CIG PRA TRATAR SOBRE A PRIVATIZACIÓN DA RECOLHIDA DO LIXO

27 Mai 2014

Non como "parte negociadora", senón en cualidade de "parte con dereito á información", mais a CIG é chamada á xuntaza do día 28 de maio

Aínda que non como "parte negociadora" senón en cualidade de "parte con dereito á información e opinión", cuestión que está a ser analizada polos servizos xurídicos da CIG; a Deputación Provincial de Ourense ven de convocar á recén constituída sección sindical da CIG á reunión, fixada pro próximo día 28 de Maio, ás 12.00 horas, co obxecto de tratar á proposta do goberno provincial de privatizar o Servizo de Recolhida do Lixo. 

Xunto coa comunicación de constitución da Sección Sindical, a CIG xa remitiu ao grupo de goberno da Deputación Provincial, dado o avanzado do proceso, as súas propostas sobre a materia que se poden sintetizar nas seguintes:

I.- Propostas Xerais:

            a) O artigo 51 do Convenio Colectivo, en relación cos artigos 33 e 34 do EBEP estabelece que serán obxecto de negociación na Mesa Xeral, entre outras, as seguintes materias:

            As referidas ao calendario laboral, horarios, xornadas, vacacións, permisos, mobilidade funcional e xeográfica, así como os criterios xerais sobre a planificación estratéxica dos recursos humanos, naqueles aspectos que afecten as cndicións e traballo dos empregados/as públicos provinciais.

            É preciso aclarar se o ámbito no que se está a desenvolver a negociación é o correcto ou, pola contra, o ámbito axeitado é o da Mesa Xeral.

II.- Propostas específicas

            a) Análise do dereito á subrogación nos proprios entes locais, do persoal transferido á Deputación por concellos e entidades mancomunadas, en función dos pactos alcanzados no seu momento; así como afectación deste dereito de subrogación pola transferencia proposta á entidade mixta.

            b) Análise do dereito do persoal transferido pola Mancomunidade de Concellos da Limia a debater as cuestións que lle afectan no marco da Comisión de Seguimento pactada coa Deputación Provincial, antes da súa transferencia.

            c) Proposta relativa a estender as garantías dadas ao persoal laboral fixo, para o caso de despedimento na empresa mixta, ao persoal laboral indefinido da Deputación.

            d) Proposta de completar as garantías dadas ao persoal laboral, para o caso de despedimento obxectivo ou improcedente, aos supostos de: despedimentos ou extincións, individuais ou colectivas, por calquera causa, que sexan consideradas, pactadas ou declaradas improcedentes, xustificadas por causas obxectivas, forza maior ou outras e inxustificadas en xeral,

            e) Proposta de incluír o dereito ao reingreso na Deputación do persoal laboral, para o suposto de extinción, suspensión ou desistimento da concesión por parte da empresa mixta.

            f) Proposta de completar a garantía de aplicabilidade do Convenio Colectivo ao persoal da empresa mixta, non só durante a vixencia do actual, senón dos novos convenios que se poidan subscribir tras a caducidade do que está en vigor.

Volver