Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

Traballadores/as portugueses do Grupo BA manifestan a súa solidariedade coa folga en Vidreira do Atlántico

13 Ago 2009

Denuncian á empresa ante a inspección por un accidente laboral sufrido por unha traballadora o 9 de agosto

Os traballadores e traballadoras portugueses do Grupo B.A, de Avintes e da Marinha Grande e da Sotancro/BA, da Venda Nova/Armadora veñen de amosar a súa solidariedade coas “justas razoes da luta dos/as trabalhadores/as da Vidreira do Atlántico/BA, de Xinzo da Limia” apoiando as demandas de reposición das horas extra, de negociación colectiva e de liberdade sindical.

 

Desde a Unión Local da CIG de Verín agradecen especialmente este xesto “nun momento tan difícil para as relacións laborais e, en xeral, para as reivindicacións sindicais” e salientan “o compañeirismo e a forza que nos transmiten”. Unha actitude que contrapoñen aos posicionamentos dos delegados de sindicatos como CCOO e CSIF da propia planta ourensá, que mesmo “foron reprobados pola Asemblea de Traballadores da vidreira destituíndo aos seus delegados de persoal”.

Comeza a folga

Os traballadores e traballadoras de todos os servizos e dependencias de Vidreira do Atlántico, S.A, en Xinzo da Limia, irán á folga das 21:59 horas deste xoves 13 de agosto até as 22:01 horas do día 14. Demandan o estabelecemento dunha negociación “de boa fe” para a solución do conflito, a continuidade do proceso iniciado para a aprobación dun convenio colectivo, a consecución dun acordo en materia de seguridade laboral que contribúa a previr accidentes e reducir a sinistralidade na factoría; a prestación de garantías fiábeis de continuidade da factoría en Xinzo da Limia e a readmisión dos traballadores e traballadoras despedidos violando os seus dereitos fundamentais

Accidente laboral

Vidreira do Atlántico S.A. vén de ser denunciada perante a Inspección Laboral e Seguridade Social de Ourense por un accidente laboral sufrido por unha traballadora da sección de zona fría cando un anaco de cristal saíu disparado impactando no seu ollo dereito. O delegado de prevención e presidente do Comité de Empresa, Plácido Valencia, asegura que nesta zona nunca se usaron gafas de protección nin a Dirección da empresa o requiriu máis que en dúas ocasións: unha con motivo dunha visita da Inspección de traballo e a outra tras producirse o accidente da traballadora.

O Presidente do Comité de Empresa subliña, na denuncia presentada perante a Inspección, que o Grupo BA Glass, que absorbeu a vidreira de Xinzo no ano 2008, négase a manter unhas relacións laborais negociadas cos representantes dos traballadores/as desde que no mes de decembro de 2008 decidiran unilaterlamente suspender a negociación do convenio colectivo.

Plácido Valencia salienta que tras da merca da vidreira, nunca se convocou ao Comité de Saúde laboral da fábrica, impedindo de facto a participación dos traballadores e traballadoras na organización e planificación da saúde laboral.

Ademais lembra que o 17 de marzo deste ano o Grupo BA decidiu mudar, unilateralmente, a Mutua de Accidentes de Traballo, sen a preceptiva negociación no ámbito do Comité de Saúde Laboral; que o Comité descoñece se está actualizada a avaliación de riscos dos postos de traballo; que non existe consulta nin se lle dá participación aos representantes dos traballadores sobre a utilización de EPIS e nin sequera se informa aos representantes dos traballadores/as sobre a organización e planificación das actividades preventivas e medidas correctoras desde hai meses.

Desde a Unión Local da CIG de Verín exixen “a intervención inmediata e firme da administración autonómica dispondo o oportuno para inspeccionar con carácter xeral as condicións de traballo da Vidreira do Atlántico”. Requiren tamén “a mesma contundencia e rapidez que a consellaría de Traballo aplica a cuestións como a aprobación de EREs, máis co engadido, neste asunto, de que aquí están en xogo a vida de persoas”.

Volver