Traballadores/as da Vidreira concéntranse para esixir xustiza e denunciar o abandono das administracións autonómica e xudicial
Logo dun ano e medio de loita, as resolucións e sentenzas permitiron ao grupo empresarial pechar a factoría da Limia
Baixos os lemas: "Quen xulga a un traballador/a ? Quen xulga a un xuíz/a ?", a CIG e os traballadores e traballadoras da Vidreira do Atlántico, iniciaban unha concentración ás 11:00 horas deste xoves diante do Pazo de Xustiza de Ourense para esixir publicamente “unha acción equitativa por parte dos poderes públicos a favor de quen sempre acabamos por pagar as consecuencias da acción do capital especulador”.
O responsábel da CIG de Verín e Secretario Confederal de Formación, Anxo García Torres, subliñaba que o persoal da Vidreira, logo de ano e medio de loita, considera que tanto a administración galega como a xustiza teñen abandonado os dereitos dos traballadores/as e ditado sentenzas contraditorias e inxustas. Neste senso, Torres lembrou que a xustiza decretou que non existía relación ilícita entre o Grupo BA Vidro (propietario da factoría de Xinzo) e a Vidreira do Atlántico, incluso cando a decisión do peche da planta limiá se adoptou na dirección do conglomerado empresarial. No caso de terse recoñecido esta dependencia, teríanse dado todas as características para botar abaixo o proceso concursal cun grupo que ten beneficios.
Torres subliñou que a administración galega emitiu un informe favorábel ao ERE presentado pola Vidreira no que alegaba que existían causas económicas, cando na realidade o Grupo BA obtivo uns beneficios o ano pasado de 14 millóns de euros e mesmo a factoría da Limia considerada de xeito individual tiña nese momento un superávit patrimonial de cinco millóns de euros. “Como pode ser que a unha empresa que manexa estas cifras se lle admita un ERE e un concurso de acredores? Pois unicamente facendo un deixamento de funcións e pronunciamentos administrativos e xudiciais inxustos”, critica García Torres.
Coa carteira de clientes a León
Así mesmo, dende a CIG e o colectivo de traballadores/as quíxose protestar tamén coa concentración polas accións das administración deste País que “consenten que empresas multinacionais se vaian cos clientes de Galiza e nos deixen, porén, ás débedas en forma de concurso de acredores. Non é normal que se permita a un Grupo multinacional, que obtivo mais de 14.000.000 de euros de beneficios no ano 2008, pechar a Vidreira do Atlántico, sementando de débedas a provincia de Ourense e, ao mesmo tempo, levarse os clientes da empresa limiá para outras factorías do propio Grupo”.
Como exemplo da fraude que supón o peche da Vidreira, Torres apuntou que durante todo o proceso xudicial seguido o pasado mes, a empresa mantivo unha débeda salarial cos operarios/as de tres meses. Non obstante, unha vez que o xulgado do mercantil extingue as relacións laborais de todo o cadro de persoal, inmediatamente dunha conta da Vidreira consignan o pago das nóminas adebedadas e mesmo as indemnizacións dos 20 días por ano traballado, sen ter que agardar a que o FOGASA se faga cargo. “O único xeito de explicar que a Vidreira de súpeto poida facer fronte ao pago de catro millóns de euros é porque non existían condicións económicas negativas e porque se estivo mantendo unha situación artificial na falta de pagos para conseguir unha resolución favorábel aos intereses da empresa”, denuncia Torres.
Represión tamén nas fábricas de Portugal
Dende a CIG de Verín tamén se informou que hai poucos días o mesmo Grupo multinacional “que represaliou a todos os traballadores da Vidreira do Atlántico, por exercer os seus dereitos constitucionais”, vén de adoptar medidas similares con compañeiros portugueses da CGTP-IN, concretamente co delegado de persoal Vitor Correia, motivo polo cal os traballadores/as das fábricas portuguesas da BA estiveron desenvolvendo varios actos de protesta contra a prepotencia desta empresa. “Dende a CIG xa enviamos a nosa solidariedade e apoio aos compañeiros da CGTP-IN, igual que eles nolo ofreceron no seu momento a nós”, aclarouse.