Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

Seguimento masivo nas primeiras xornadas da folga de 15 días na Vidreira do Atlántico

29 Xun 2009

A pesar dos atrancos da dirección e á espera dos resultados da xuntanza coa empresa o vindeiro mércores 1 de xullo

O persoal da Vidreira do Atlántico está secundando de xeito masivo a folga de 15 días á espera do inicio das nova negociacións promovidas polo Consello Galego de Relacións Laborais, cuxa primeira reunión terá lugar o mércores 1 de xullo.

O seguimento da folga manifesta novamente o éxito da convocatoria e a decisión firme do cadro de persoal de manter as mobilizacións até a que a empresa acceda a negociar e recoñeza os seus dereitos. Pola súa banda, dirección da Vidreira estabeleceu uns servizos mínimos que, ao entender do persoal supoñen un “peche patronal ilegal”. A dirección propuxo aos traballadores/as un sistema de servizos de seguranza e mantemento para as xornadas de folga que implica, a xuízo do responsábel da CIG-Verín, Anxo García Torres, “un pechamento patronal ilegal”, posto que se dispón o paro de dúas das tres liñas de produción, “sen dar as garantías adecuadas para o reinicio da actividade no seu momento”.

Durante os paros anteriores, a empresa aseguraba aos traballadores/as que existía unha imposibilidade técnica para cerrar a actividade nestas liñas, polo que dende o Comité sospeitan que a decisión responde a unha nova manobra da Vidreira para facer fracasar a convocatoria da folga.

Referendum “ilegal”

Anxo García Torres informou que o propio venres 26, o Comité e a CIG mantiveron unha xuntanza na que acordaron as medidas á levar a cabo logo de que CCOO, CSIF e a dirección da Vidreira promovesen un referendum “ilexítimo e de costas á representación dos traballadores/as e ás decisións da asemblea xeral” para tentar desconvocar a folga. Non obstante, a convocatoria non acadou a participación mínima exixida pola normativa laboral (50% máis 1), de xeito que tan só se chegou a un índice de participación do 30%, o que supón que acudiron a votar 41 traballadores/as dos 160 da factoría, sendo 20 deles mandos.

Durante a reunión do Comité e a CIG acordouse:

-Iniciar os trámites para revogar aos delegados de CCOO e CSIF.

- Aceptar a celebración dun referendum, pero logo do inicio das negociacións, para que non interfira nas mesmas.

- Iniciar accións xudiciais contra os responsábeis de levar adiante a consulta.

Neste senso, García Torres explicou que dende o Comité xa se teñen presentado denuncias ante a Subdelegación do Goberno, a Inspección de Traballo, a Delegación Territorial da Xunta de Galiza, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta en Santiago en Ourense pola vulneración do dereito á folga e a liberdade sindical, e o risco para a seguridade das persoas e bens que pode comportar a decisión da patronal, e pediuse aos organismos que actúen contra os responsábeis da iniciativa da consulta.

Posibilidade de desconvocar o paro

Coincidindo co inicio do novo período de negociacións, o mércores 1de xullo, os traballadores/as da Vidreira manterán unha asemblea xeral para adoptar as medidas precisas en función da marcha das negociacións e para avaliar a decisión da empresa de pechas as dúas liñas de produción.

A este respecto, o responsábel da CIG-Verín apuntou que non se descarta a posibilidade de suspender a folga “para evitar o desastre que procura provocar a dirección empresarial con este peche patronal encuberto”. Así, reanudaríanse os paros posteriormente, e unha vez se determine un sistema de servizos mínimos que garanta a continuidade da factoría e dos seus medios de produción.

Até entón, os traballadores e as traballadoras da Vidreira continuarán secundando de xeito masivo a folga.

Volver