Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

Rachan as negociacións entre os policiais locais e o alcalde de Verín polo prezo da hora extraordinaria

17 Xul 2009

Os axentes anuncian novas medidas de presión

Segundo explicaron dende a CIG de Verín, o Acordo Regulador das Condicións de Traballo de Persoal Funcionario do Concello, dispón para o cálculo do pagamento das horas extraordinarias unha formula errada, que implica que o valor da hora extra resulte inferior ao valor da hora ordinaria. Así, mentres unha hora ordinaria conta cun valor medio, para un axente da policía local, duns 10.30 euros, unha hora extra, para a mesma categoría, non alcanza os 9.00 euros.

Á vista desta situación os Delegados de Persoal da Policía Local levan anos advertindo que é preciso pactar un sistema estábel e definitivo que sexa xusto para as partes e que propicie que, se se producen horas extras, ao empregado público lle compense realizalas.

Nesa dirección, no mes de xuño do ano pasado, ambas partes chegaron ao acordo de que, unha vez se pactase o prezo definitivo para as horas extraordinarias, o Concello saldaría aos traballadores/as da policía a diferenza existente entre o valor pagado das horas extras e o valor que se puidese pactar, no marco desa proposta de sistema definitivo.

“Logo dun ano, frustrando acordo tras acordo co Alcalde do Concello: Lei de Coordinación da Policía Local, Convenio Colectivo de Laborais, reforma da RPT, Acordo Regulador de funcionarios, bases de contratación, despedimentos de afiliados da CIG, etc; presentábase unha inmellorábel ocasión para retomar as negociacións e para comezar a favorecer un clima de diálogo entre as partes que servise para desbloquear este asunto e axudase a mellorar as relacións noutras cuestións de maior importancia”, apuntou o responsábel da CIG de Verín, Anxo García Torres.

Rebaixa na contía

Cabe lembrar que a escasa entidade económica que ten a demanda que realiza a policía local en materia de horas extras (3600 euros ao ano de incremento global) podía servir para chegar a un acordo rápido e limpo e favorecese acordos futuros. “Porén, mais unha vez non foi posíbel levar a bo porto a empresa das horas extras; posto que a inamovíbel postura da Alcaldía na materia, oferecendo 12 euros por hora extra normal e 15 euros por hora extra festiva-nocturna, inviabilizou un pacto desexado e intentado pola policía e os seus representantes sindicais”, afirma.

A este respecto, lembra que a policía solicitaba 18 euros por hora extra normal e 22,5 euros por hora extra festiva-nocturna, rebaixando eses valores a 15 euros por hora extra normal e 18,75 euros por hora extra festiva-nocturna, na última reunión da Comisión de seguimento e, mesmo, condonando os atrasos das diferenzas xerados dende xuño do 2008.

Non haberá horas extraordinarias no verán

Así as cousas, a policía local seguirá sen realizar horas extras durante o verán e ademais adoptará novas medidas de presión sindical e xudicial, comezando pola presentación dun recurso-contencioso administrativo contra o requirimento do Alcalde do Concello realizado a todos os axentes a policía, esixíndolle a prestación de 60 horas extras de servizo, como se se tratar de horas normais.

Ademais, a asemblea de traballadores/as reunirase para debater as novas medidas de presión que se sumarán ás que xa están en marcha, de cara a protestar por unha situación “que non pode seguir manténdose no tempo e que se está así non se debe a que os traballadores/as non intentasen mudala”.

Volver