Rachan as negociacións coa dirección de Vidreira do Atlántico pola intransixencia da empresa
Convocada unha nova xornada de folga do 8 ao 10 de febreiro
O conflito en Vidreira do Atlántico agudizouse logo de que a empresa se negase a aceptar ningunha das propostas trasladadas polo Comité. Ante a actitude da dirección de BA Glass, os representantes dos traballadores e traballadoras convocaron unha asemblea o domingo 8 de febreiro, a partir das 11:30 horas, para dar a coñecer o resultado da xuntanza mantida coa empresa e discutir as accións a levar a cabo na terceira xornada de folga.
O Comité, explican, propuxo pactar a 5ª quenda de produción, deixando ao marxe o resto dos temas, posto que nesta materia ambas partes parecían coincidir. Non obstante, a resposta da empresa limitouse a afirmar “que non ían implantar a 5ª quenda porque non tiñan intención de facilitarnos as cousas”, sinalan dende a Unión Local da CIG de Verín.
A respecto do plus de actividade, o Comité propuxo pactar unha porcentaxe que non implique unha baixada salarial e repercuta negativamente nas nóminas dos traballadores/as. Pola súa banda, a Vidreira ofreceu o 26% do Plus de Actividade a cambio de renunciar a clasificación de categorías do Convenio Estatal, o que supón unha baixada salarial.
Conxelar a antigüidade
Outro dos puntos de conflito refírese ao mantemento do plus de antigüidade, Retribución Voluntaria e Prima de Responsabilidade, ao que a empresa contestou que ten a intención de conxelar a antigüidade e revisar a retribución voluntaria e a prima de responsabilidade de cara a absorbelas.
O Comité mesmo propuxo á empresa pactar unha xornada anual superior á estabelecida no Convenio Estatal do Vidro, de xeito que ese exceso de xornada fose retribuído a través do Plus de Actividade. Non obstante, a Vidreira asegurou preferir contratar traballadores externos, que pagarlle aos que xa teñen, a cambio de aumentar a xornada anual de traballo. “En realidade o único que queren e baixar o salario e non contratar a ninguén”., sinala o Comité de Empresa nun comunicado.
“A vista do exposto o Comité de Folga debe comunicarvos que non pode haber acordo cunha empresa que o único que procura é suprimir o Plus de Actividade primeiro, logo a prima de responsabilidade, posteriormente a retribución voluntaria e por último conxelar a antigüidade. A Dirección xa disparou a munición mais forte que tiña contra os traballadores/as, retirando o plus de actividade. A partires de agora: ¿que máis poden facer?: non teñen outras alternativas que non sexan a confusión”, pregúntanse dende o Comité.
Hai que lembrar que o mesmo Concello de Xinzo de Limia ofertou a moi baixo custo 15.000 metros cadrados á BA Glass para ampliar as instalacións da fábrica e o propio Comité solicitou unha reunión co conselleiro de Economía de cara a buscar unha solución ao conflito.