PUBLICADAS AS ESTADÍAS E SERVIZOS NAS RESIDENCIAS DE TEMPO LIBRE
Fixéronse públicas no DOG do 23 de abril
No DOG do 23 de abril publícase a ORDE do 17 de abril de 2018 pola que se convoca o procedemento de adxudicación de estadías e servizos nas residencias de tempo libre adscritas a consellería de Política Social para o ano 2018.
Esta orde ten por obxecto convocar o procedemento de adxudicación de estadías e servizos para o ano 2018 das residencias de tempo libre de Panxón e O Carballiño, sitas nas localidades de Panxón-Nigrán (Pontevedra) e O Carballiño (Ourense), respectivamente, e adscritas á Consellería de Política Social (código de procedemento BS419A).
Poderán ser destinatarias todas as persoas maiores de idade ou menores, sempre que vaian en compañía dos seus proxenitores ou das súas proxenitoras ou titores ou titoras legais, e que teñan a súa residencia en territorio español. Igualmente poderán acollerse a esta orde os galegos e as galegas residentes no exterior. Non se admitirán as solicitudes que inclúan persoas que gozasen dalgunha quenda na mesma residencia nalgún dos dous anos anteriores. A distribución das prazas será compartida nun 50 % entre a Consellería de Política Social e as centrais sindicais en razón da súa representatividade na Galiza, dacordo cos resultados obtidos nas últimas eleccións sindicais.
Os prezos, tanto para os servizos de residencia como para as persoas non residentes, serán os previstos no Decreto 84/2012, do 16 de febreiro, modificado polo Decreto 65/2016, do 2 de xuño, polo que se establecen os prezos públicos polas prestacións das residencias de tempo libre.
Cada unidade familiar poderá solicitar estadías para calquera das dúas residencias de tempo libre adscritas á Consellería de Política Social e para unha ou varias quendas. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.gal.
Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365). O prazo de presentación de solicitudes abrirase ao día seguinte da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 8 de maio de 2018.

