Os traballadores/as de Vidreira do Atlántico irán de novo á folga tras o fracaso das negociacións coa empresa
Proseguirán adiante coas mobilizacións participando na protesta convocada pola CGTP en Porto o 2 de abril
Anxo García Torres, da Unión Local da CIG de Verín e voceiro do Comité de Folga, informou que a dirección da Vidreira enviou a tres persoas sen “capacidade de decisión e sen poder” á xuntanza convocada polo Comité para este martes 24 de marzo, co obxectivo de negociar unha saída ao conflito. “A Vidreira segue negándose claramente a negociar a pesar de facer o paripé de acudir ás reunións enviando a persoas que non teñen poder”, lamentou.
O responsábel da CIG de Verín indicou que a empresa continúa violando a obriga que lle corresponde como parte en conflito de buscar unha vía de negociación, polo que sinalou que o cadro de persoal continuará as mobilizacións até achar unha saída laboral satisfactoria, lonxe das propostas inasumíbeis presentadas pola patronal. Neste senso, os traballadores e traballadoras manterán unha asemblea o vindeiro domingo 29 de marzo ás 18:30 horas na Casa de Cultura, previa ao inicio da sétima xornada de folga na fábrica.
Participación nas protestas en Porto
O 2 de abril próximo, un grupo de traballadores/as trasladaranse até Porto para tomar parte na manifestación organizada pola CGTP para os sectores do vidro. A protesta, á que están convidado a participar o persoal da Vidreira do Atlántico, terá lugar ás 14:30 horas (hora local) na Praça da Batalha, dentro do marco global de mobilizacións levadas a cabo no País veciño a nivel territorial e sectorial.
Dous días despois, o 4 de abril, o Comité de empresa manterá unha reunión co alcalde de Xinzo na que lle transmitirán a situación actual no fábrica e lembrarán ao político os compromisos adquiridos polo Concello a respecto da vidreira en materia de venta de terreos no polígono e nas xestións administrativas para achegar o gasoducto ao parque industrial. De igual xeito, solicitarán á alcaldía que tome parte e faga presión á dirección de BA Glass para que sente a negociar.