Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

Os traballadores/as da Vidreira solicitan ser parte no proceso concursal e alertan das irregularidades cometidas pola empresa

11 Dec 2009

O persoal presentou un escrito no Xulgado con datos da memoria do Grupo BA Vidrio que desmenten a suposta insolvencia da factoría

Setenta e tres traballadores e traballadoras da Vidreira do Atlántico remitiron un escrito ao Xulgado de 1ª Instancia de Ourense solicitando persoarse no proceso de concurso de acredores presentado pola empresa. O persoal achega datos tirados do informe de auditoría da empresa e da memoria anual do Grupo BA Vidrio para rebater o argumento dunha suposta insolvencia da factoría da Limia, xa que as perdas que poida rexistrar están compensadas no seo do grupo empresarial.

De feito, na propia memoria recoñécese que a factoría limiá está integrada na estrutura directiva e funcional do Grupo e controlada ao 100% polo mesmo, pasando a ser unha entidade dependente e dirixida, que consolida as súas contas dentro do ente supraempresarial.

O persoal e a CIG advirten que revisarán toda a documentación presentada pola empresa, xa que sospeitan que esta nova manobra da dirección está en fraude de lei. Neste senso, no escrito lembran que o BA Vidrio asumiu e compensou as perdas arrastradas pola Vidreira dende a súa compra con fondos propios do grupo e que compensou na súa contabilidade os resultados negativos do ano 2008 da Vidreira do Atlántico.

Incumprimento da lei concursal

Así mesmo, o Grupo coñecía a mala situación económica e patrimonial da fábrica limiá dende a súa compra, pero en lugar de iniciar un procedemento de disolución da Vidreira vén agora, ano e medio despois, cunha demanda concursal, sen respectar o prazo de 2 meses dende o coñecemento da suposta insolvencia, tal e como marca a lexislación vixente. Por este feito, a multinacional podería ter incorrido en responsabilidade, ao infrinxir o deber legal de solicitar o concurso no seu momento, tendo de presumirse dolo ou culpa grave de cara a cualificación como culpábel do concurso.

Hai que lembrar que o Grupo BA obtén uns beneficios, no seu conxunto, superiores a 14.000.000 de euros no ano 2008, repartíndose dividendos por valor de 12.000.000 de euros entre os accionistas, así como que o mesmo día que presentou o concurso, a empresa rexistrou unha redución do seu capital social de case o 50%, pasando de 12.597.561,00 euros a 6.225.417,00 euros.

Copia da documentación presentada

Pola súa banda, os traballadores/as instan ao Xulgado a que non admita a demanda da Vidreira polas irregularidades da mesma, e reclaman copia de toda a documentación achegada, contas consolidadas do exercicio 2008 do Grupo, así como a documentación relativa á merca da factoría limiá pola multinacional portuguesa e a información correspondente que acredite e xustifique a decisión de redución do capital, co obxecto de posuír os datos económicos reais da situación de BA Vidrio.

Volver