Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

Os traballadores/as da Vidreira esixen celeridade a Xustiza para evitar colocar a empresa nunha situación irreversíbel

13 Xan 2010

O persoal trasladouse este mércores até os Xulgados de Ourense onde levou a cabo unha concentración

O responsábel da CIG de Verín, Anxo García, subliñaba que coa protesta, que se enmarca no conxunto de medidas adoptadas polo persoal da Vidreira dende que o pasado mes de decembro a empresa acordase iniciar os trámites para o concurso de acredores, quérese reclamar á xustiza que actúe con premura diante deste caso e se pronuncie a respecto das ilegalidades cometidas pola dirección e das demandas formuladas polos traballadores/as. “Dilatando o proceso o único que está facendo o xulgado é beneficiar ao Grupo BA e colocar a Vidreira nunha situación cada vez máis difícil que lles permita acadar o seu obxectivo: trasladar toda a produción a León”, apuntaba García Torres.

Neste senso, o responsábel da CIG de Verín lembraba que logo do peche do forno de fusión da factoría da Limia o pasado 28 de decembro, a pesar que dita acción só podía ser autorizada polo xulgado, a xuíza aínda non se pronunciou sobre esta manifesta ilegalidade. Para Torres, “paralizar o forno é unha completa burla da empresa aos traballadores/as e que a xustiza non actúe contra desta decisión ó único que vai facilitar é que o grupo empresarial xustifique o cesamento da actividade”.

A fraude do concurso

Por iso, os traballadores e as traballadoras esixiron á administración xudicial e concursal  que valore o xeito como se produciu ese cesamento da actividade, pois ao estar baseado nunha decisión ilegal podería deixar nulo o proceso concursal. Ademais, dende a CIG lémbrase que a decisión de pechamento da factoría de Xinzo nada ten a ver cunha insolvencia da empresa e, xa que logo, o concurso de acredores é unha fraude de lei, dirixido a pechar a factoría da Limia, sen afrontar o pagamento de todas as débedas e, ao contrario, presentándose o Grupo BA como acredor da Vidreira do Atlántico, por valor de 4.000.000 de euros.

Así mesmo, os traballadores/as reiteraron a petición de nulidade do concurso, por falta de causa real, que se valore a responsabilidade solidaria dos administradores da Vidreira do Atlántico e do Grupo BA Vidro, S.A., solicitude de embargo ao grupo ao consideralo administrador de feito da factoría limiá, co obxecto de garantir o pagamento dos salarios dos traballadores/as, e que se dea traslado da causa ao Xulgado Penal por se do actuado puidese deducirse algunha acción empresarial ilícita contra os dereitos dos traballadores. 

Novas anteriores sobre a situación da Vidreira do Atlántico

Volver