Os traballadores/as da Vidreira do Atlántico solicitan a mediación do “superdelegado” da Xunta en Ourense
Buscan establecer uns “acordos de mínimos” que permitan reiniciar as negociacións
No escrito remitido polo presidente do Comité, Plácido Valencia, e o responsábel da CIG de Verín, Anxo García Torres, solicítase ao delegado provincial unha reunión-mediación “co obxecto de tentar estabelecer uns acordos mínimos, a meio dos que se poida vehiculizar e reiniciar o inexistente proceso negociador; preciso para dar cabo ao conflito aberto no mes de Decembro do 2008”.
Na reunión participarían o Comité de Folga, CIG e CCOO, e sería extensíbel á parte empresarial, a Dirección do Grupo BA, no caso de que estes así o aceptaran.
Así mesmo, o texto da conta da situación na fábrica de A Limia, e lémbrase que o desencadeamento deste conflito laboral fundouse, “basicamente, en tres detonantes: a suspensión indefinida da negociación colectiva, imposta unilateralmente pola patronal, a represión disciplinar contra certos traballadoras/os vítimas de sinistros laborais e o mantemento de condicións infralegais a grande parte do cadro de persoal, asignándolle categorías profesionais non acordes cos labores que na práctica se desenvolven”.
Dende a CIG e o Comité subliñan que “estamos decididos a defender o emprego na Limia, por calquera vía que se nos poida abrir. Velaí a razón pola que nos decidimos a solicitar unha xuntanza con vostede”.