Os traballadores/as da Vidreira do Atlántico concéntranse diante da sede do Grupo BA en León
A protesta levouse a cabo o pasado sábado 18 de abril
Arredor duns 50 traballadores e traballadoras da Vidreira trasladáronse a Praza da Inmaculada de León, dende onde marcharon até a sede no Estado español do Grupo BA Vidrio para desenvolver unha concentración. Esta é a segunda ocasión que o persoal da fábrica de Xinzo protagoniza unha protesta fóra da comarca, pois en marzo participaron na “tribuna pública” organizada pola CGTP-IN en Porto, onde recibiron o apoio dos compañeiros/as das fábricas do Grupo BA en Portugal.
A concentración precede á nova convocatoria de folga prevista para o domingo 26 de abril, que sumará a novena no que vai de ano. Previamente terá lugar unha asemblea xeral de traballadores/as o venres 24 ás 18:30 horas na Casa da Cultura do Concello de Xinzo, onde se decidirá se se leva a cabo un incremento das medidas de presión e das xornadas de folga, “diante da sistemática violación do dereito de folga e liberdade sindical perpetrada pola empresa ao negarse a negociar unha solución para o conflito, segundo indicou o responsábel da Unión Local da CIG de Verín e voceiro do Comité de Folga, Anxo García Torres.
Durante esta semana o o persoal da Vidreira vaise dirixir ao alcalde de Xinzo da Limia para coñecer o estado das xestións que o rexedor se comprometeu a realizar diante da dirección da empresa para por fin ao conflito.