Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

Os traballadores e traballadoras de Vidreira do Atlántico S.A. irán á folga en agosto

07 Ago 2009

Demandan que se negocie o convenio colectivo, medidas de seguridade laboral e garantías de continuidade da factoría

Do momento no que o Grupo BA Glass absorbe a factoría de Vidreira do Atlántico, en Xinzo da Limia, a mediados de 2008, comeza un conflito cos traballadores pola negativa reiterada dos novos xestores a iniciar calquera proceso de negociación do convenio colectivo.

 

Anxo García Torres, asesor do Comité de Empresa pola CIG sinala que esa negativa e as decisións adoptadas pola dirección de forma unilateral “encobren en realidade un plan, que se viu atrasando por mor das mobilizacións dos traballadores, co que este grupo especulador pretende desmantelar o centro de traballo ourensán para suprimir a un competidor, eliminando así unha das poucas empresas que hai na provincia de Ourense”.

Desregulación das condicións de traballo

Tras da absorción, en xullo de 2008 reconstituíase a comisión negociadora do Convenio Colectivo, a fin de regular as condicións laborais dos traballadores e traballadoras de Vidreira do Atlántico no seu centro de Xinzo da  Limia.

Nunha das primeiras xuntanzas, e tras ser entregada a proposta negociadora das traballadoras e traballadores, a empresa manifestaba a súa disposición a avaliala e comprometíase a facer saber a súa posición ao respecto na seguinte xuntanza.

Porén, malia celebrarase varias xuntanzas posteriores entre os representantes da dirección e as seccións sindicais da CIG e de CCOO, a resposta comprometida non chegou.

No canto diso, segundo explica García Torres, en xaneiro deste ano, a empresa decidiu modificar as condicións de traballo cunha desregulación da xornada que tivo unha repercusión directa na organización do traballo e, en consecuencia, na produción.

O expediente de modificación das condicións de traballo presentado polos novos xestores á marxe do proceso negociador e sen comunicar ao Comité de Empresa, dirixíase, tal e como se reflectiu nas nóminas, a eliminar o chamado plus de actividade e, polo tanto, as horas extra que até ese momento facía o cadro de persoal.

O cómputo total das horas extra de cada traballador era de 250 ao ano ou, o que é o mesmo, un mes. Porén, no canto de negociar ese mes menos co Comité de Empresa para organizar o traballo, “distribuíron esas horas, ás que denominaron como quenda de descanso suplementario sen lóxica de ningún tipo” provocando que ningún traballador saiba agora con antelación cal vai ser o seu calendario de descanso.

A desregulación da xornada provocou unha desregulación e diminución da produción que foi denunciada pola CIG e polo Comité de Empresa tanto diante da administración como perante os xulgados.

Diminución da produción

A consecuencia desta diminución da produción  e da falta de investimentos na empresa desde a súa absorción polo Grupo AB Glass, foi a parada temporal –comunicada o pasado 29 de xullo- dunha liña de produción da fábrica para, segundo o Consello de Administración da Sociedade, regular a produción do centro e reanudala novamente unha vez se regularizara o suposto stock existente. Suposto porque segundo explica García Torres, “ninguén coñece a súa existencia nin sabe onde está”.

Para o representante da CIG é lóxico que haxa que regular agora a produción logo de tela desregulado e que sobre unha quenda porque “eles mesmos xa se preocuparon de provocar esta situación”.

O máis preocupante é que os traballadores temen que tras desta decisión veña outra de redución de postos de traballo. Un ERE encuberto que se sumaría ao conxunto de agresións das que vén sendo obxecto o cadro de persoal e que foron denunciadas ante a inspección sen que desde a administración se adoptaran medidas.

Por iso, alén da convocatoria de folga, CIG e Comité de Empresa teñen solicitado unha xuntanza co delegado territorial da Xunta en Ourense para que a administración se implique e impida que o plan empresarial se materialice e esta provincia perda unha das poucas industrias que aínda quedan.

Volver