Os traballadores e traballadoras da Vidreira convocan 15 días continuados de folga para finais de xuño
Ante a negativa da empresa a respectar os dereitos de negociación colectiva
O Comité da Folga dos traballadores e traballadoras da Vidreira do Atlántico, S.A., repasou en Asemblea Xeral a situación na que se atopa o conflito aberto dende o mes de decembro do 2008 coa empresa, “dada a negativa a respectar os dereitos de negociación colectiva e liberdade sindical”.
O cadro de persoal acordou durante a xuntanza continuar coas medidas de presión iniciadas no mes de decembro, mais endurecéndoas, “dada a intransixencia, o desprezo empresarial polos dereitos dos traballadores/as, a negativa a restabelecer o proceso negociador nas pasadas 3 semanas e, ao contrario, os intentos desesperados de crear confusión e división entre os traballadores/as para que rachen a unidade de acción”, criticou Anxo García Torres, responsábel da Unión Local da CIG de Verín e membro do Comité de Folga.
Os traballadores/as acordaron convocar novas xornadas de folga para finais de xuño, principios de xullo 2009, cunha duración continuada de 15 días, en todos os departamentos da empresa. Igualmente, decidiuse convocar, no período previo á materialización da folga de 15 días, diversos actos e concentracións que se irán anunciando no seu momento.
Situación das negociacións coa empresa
Segundo informou Torres, ao inicio da Asemblea analizouse a situación na Vidreira dende o prisma dos intentos de negociación que ten impulsado o Comité de Folga; concluíndo que a imposibilidade de abrir unha mesa de diálogo se debe a que os obxectivos da Dirección da Empresa, son completamente diferentes aos obxectivos dos traballadores/as.
“Mentres os traballadores/as procuramos unha solución laboral ao conflito, a patronal persegue, non o arranxo da materia laboral, senón a eliminación da resistencia sindical e, en definitiva, do sindicalismo maioritario na fábrica”, explicou Torres.
Neste senso, subliñou que as probas manexadas e discutidas, no marco da Asemblea Xeral, a respeito das intencións empresariais foron múltiplas: “a prohibición de entrada nas instalacións aos representantes da CIG, a negativa escrita a negociar, o intento de negociación individual cos traballadores, a promoción de sindicatos minoritarios e controlados, tentando rachar a unidade de acción, etc”.
Reunións pendentes
Dende o Comité de Folga tamén sinalaron que aínda están pendentes tanto da convocatoria do acto de mediación solicitado ao Delegado da Xunta de Galiza en Ourense, que segundo certas informacións, se podería celebrar entre o xoves 28 de maio e o luns 1 de xuño, como da reunión que convocada cos representantes do Grupo BA polo Alcalde do Concello de Xinzo, que até o momento non foi facilitada por tais directivos.
Accións xudiciais
O segundo punto tratado na asemblea xirou arredor do calendario xudicial derivado das distintas accións dirixidas polo Comité de Folga a protexer e restituír os direitos dos traballadores/as e traballadoras, “e con ese propósito, repasáronse todas as demandas xudiciais interpostas e o seu estado de tramitación”.
Salientando, como as mais adiantadas, a querela presentada polo Comité de Folga e pola CIG contra Fernando Amilivia González, por inxurias e calumnias, cuxo acto de conciliación se celebrará este venres 29 de maio, ás 10:00 nos Xulgados de Xinzo da Limia, así como os Conflitos Colectivos formulados, polo Comité de Empresa e a CIG, contra a designación unilateral da nova Mutua de Accidentes e a modificación substancial das condicións de traballo, relativa ao horario, xornada, sistema de quendas, funcións e salario, imposta a todo o cadro de persoal no mes de Xaneiro do 2009.
Ambos, serán examinados nos Xulgados do Social de Ourense a mediados do mes de Xuño do 2009. Por último, relacionáronse o resto das reclamacións xudiciais pendentes: a) Incumprimento do pacto de servizos mínimos, b) Violación dos dereitos de liberdade sindical e folga (negativa a negociar, negativa a destruír, prohibición de entrada aos sindicatos, videovixiancia dos traballadores/as, etc.), c) horas extras dos últimos sete anos, d) Reclasificación colectiva de todas as categorías profesionais, e) Accións contra os dereitos dos traballadores do Presidente do Grupo, f) Vulneración de dereitos en materia de seguranza e hixiene, g) Plus de Actividade.