Os policiais locais de Verín deixarán de facer horas extraordinarias se o alcalde non se avén a negociar no prazo dunha semana
Reclaman unha xuntanza para fixar o prezo da xornada a maiores
Tras a celebración da reunión da Comisión de Control do Convenio de Funcionarios/as, mantida o pasado 5 de maio do 2009, as partes (Concello e representantes legais dos traballadores/as) ficaron comprometidas a celebrar unha nova reunión no prazo dunha semana, a efectos de determinar e, no seu caso, acordar un prezo para a hora extraordinaria dos axentes locais.
Porén, o responsábel da CIG de Verín, Anxo García Torres, denunciou que nesta altura de xuño, percorrido mais dun mes, o alcalde, “na súa liña de incumprir todo aquilo que pacta”, aínda non convocou a reunión comprometida e, tampouco, entregou á parte sindical a súa proposta para solucionar o conflito das horas extras da policía.
“A práctica do rexedor non é nova, todos os anos nos atopamos con promesas dilatorias, dirixidas a deixar que transcorran os períodos nos que máis horas se realizan e, logo, ‘se te vin non me lembro’”, lamenta García Torres.
Así as cousas, tanto a CIG como a Asemblea da Policía Local de Verín, confiren un prazo dunha semana ao rexedor local, até o día 6 de Xullo do 2009, para, nese tempo, convocar á representación legal dos traballadores/as e estabelecer un prezo para a hora extra. De non ser así, a partires do 7 de xullo, reuniríase de novo a Asemblea Xeral da Policía de Verín, para convocar mobilizacións e, deixaríanse de facer horas extraordinarias por riba do horario normal.