Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

Os compañeiros/as da CGTP recollen sinaturas nas fábricas portuguesas da BA, en solidaridade co persoal da Vidreira de Xinzo

30 Mar 2009

Os traballadores e traballadoras está desenvolvendo a sétima xornada de folga na empresa

“Ao cabo imos facer realidade, dende Xinzo da Limia, a máxima que indicaba que o internacionalismo o inventamos os obreiros/as”, afirmou Anxo García Torres, responsábel da Unión Local da CIG de Verín e membro do Comité de Folga da Vidreira do Atlántico. García Torres referíase aos apoios que os traballadores e traballadoras da Vidreira están recibindo por parte dos compañeiros/as das plantas portuguesas da multinacional BA e do sindicato CGTP-IN.

O persoal do Grupo BA, de Avintes e da Marinha Grande e da Sotancro/BA, da Venda Nova/Amadora está recollendo sinaturas nas fábricas en solidariedade cos operarios/as de Xinzo e para reclamar o respecto polos dereitos colectivos e o desbloqueo das negociacións.

“Énchenos de orgullo e de dignidade aos traballadores e traballadoras da Vidreira de Xinzo e aos membros da CIG que outros operarios e operarias do País veciño, da CGTP-IN e da BA, sexan solidarios connosco e se preocupen por botarnos unha man para presionar ao patrón, co obxecto de que arranxe o conflito o mellor posíbel para nós”, comentou satisfeito Anxo García. Non obstante, o responsábel da CIG de Verín botou en falta ese mesmo apoio por parte dos Comités de empresa das fábricas de BA en León e Extremadura.

O vindeiro xoves 2 de abril, un grupo de traballadores/as da Vidreira participará na mobilización que a CGTP-IN ten convocada na Praça da Batalha de Porto para os traballadores/as do sector do vidro. “É marabilloso e para tirar o sombreiro o comportamento dos compañeiros e compañeiras portugueses da CGTP e das fábricas da BA..;.é por iso que nós (os operarios/as da Vidreira de Xinzo) tamén somos da CGTP-IN”, afirmou.

Sétima xornada de folga

Dende o domingo pola noite, o persoal da Vidrira de Xinzo está desenvolvendo a sétima xornada de folga de 32 horas na fábrica, que novamente contou cun apoio masivo. Así mesmo, o Comité de folga, “en cumprimento da obriga de negociar das partes baixo o apoio da boa fe”, convocou á dirección da empresa á unha xuntanza o vindeiro mércores 1 de abril. O Obxectivo da reunión é “tentar achegar posturas e procurar unha saída negociada ao conflito que desemboque na “tan arelada” paz social para a empresa”.

O Comité de Folga tamén solicitou á empresa que comunique os resultados da produción obtida, como consecuencia da prestación dos servizos esenciais na 7ª quenda de folga; así como o calendario previsto para a destrución das producións xeradas en todas as quendas de folga.

Novas relacionadas

Volver