Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

O Xulgado do mercantil de Ourense extingue os contratos dos máis de 120 traballadores/as da Vidreira

22 Abr 2010

O vindeiro 29 de abril está convocada unha concentración para esixir xustiza

A continuación reproducimos a nota remitida dende a CIG de A Limia:

O pasado día 20 de Abril, tras cinco meses en proceso concursal, o Xulgado do Mercantil de Ourense, procedeu a extinguir as relacións laborais de mais de 120 traballadores e traballadoras da Vidreira do Atlántico, S.A. de Xinzo da Limia que, por orde do mesmo órgano xudicial, estaban aínda contratados, de alta na seguranza social e nas súas casas agardando a resolución dos seus contratos.

Este acordo xudicial, unido ao adoptado no mes de febreiro pasado de autorizar o pechamento das instalación da fábrica de Xinzo, ven supor na práctica o pechamento real (que non legal) da empresa Vidreira do Atlántico de Xinzo de Limia.

Así as cousas, é importante escolmar e analizar as últimas decisións publicadas polos Xulgados da provincia, tanto mercantil, como social, en orde a acreditar a SITUACIÓN de INDEFENSIÓN na que se ten colocado aos mais débiles deste asunto: aos traballadores e traballadoras.

•    O día 18 Xuño do 2008 o Grupo BA Vidrio, S.A. merca o 100% das accións da Vidreira do Atlántico, S.A. de Xinzo da Limia.

•    O Grupo BA Vidrio, S.A., percorridos dous meses da merca, nin remove as perdas e débedas arrastradas, nin inicia un concurso de acredores/as; concede un estraño préstamo de uns 4.000.000 de euros á VA, S.A. que, curiosamente, representa unha cifra próxima á que, por fusión ou absorción, tería que pór o Grupo BA Vidrio, S.A. para equilibrar económica e financeiramente a empresa limiá.

A auditora da VA, S.A. informa por escrito, no exercicio 2008, da seguinte situación: “los capitales propios representan menos de la mitad del capital social (49%)”.

•    O día 20 de Novembro do 2008 o Grupo BA Vidrio, S.A. elabora un cronograma para operativizar a absorción da Vidreira do Atlántico, S.A. no proprio Grupo BA, que debía concluír o día 26 de Decembro do 2009.

•    No mes de Novembro do 2008 o Grupo BA Vidrio ordena suprimir o Plus de Actividade da nómina de todos os traballadores/as da Vidreira do Atlántico (máis de 600.000 euros.)

•    No mes de Xaneiro do 2009 celébrase a 1ª folga xeral de traballadores e traballadoras da Vidreira, en reclamación da restitución do Plus de Actividade e dunha clasificación profesional axeitada.

•    O Grupo BA Vidrio S.A. declara, perante o Rexistro Mercantil de León, uns beneficios consolidados, no ano 2008, de 14.000.000 de euros, das súas empresas do Estado Español, entre as que se atopa a Vidreira do Atlántico, S.A.

•    No mes de Febreiro do 2009,  rematada unha xornada de folga, a Vidreira despide a todos os traballadores/as do Departamento Comercial, alegando que ese labor pasaba a centralizarse no Departamento Comercial do Grupo BA Vidrio en León

•    O día 21 de Xullo do 2009 o Consello de Administración do Grupo BA Vidrio (rematada outra xornada folga) acorda, en Portugal, pechar a liña 13 de produción da empresa limiá, por causa do stock e da alta situación de conflitividade laboral.

•    Tamén no mes de Xullo do 2009 a Vidreira despide a todos os mecánicos do taller de Moldes da fábrica, argumentando que era mais rendíbel subcontratalos a empresas externas.

•    O día 18 de Setembro do 2009, no seo do Consello de Administración do Grupo BA Vidrio, S.A., en Portugal, acórdase iniciar o proceso de pechamento da Vidreira do Atlántico de Xinzo da Limia debido, entre outras razóns, “al complicado clima social”. Do Consello de Administración da propria Vidreira nada se sabe.

•    No mes de Setembro do 2009 o Grupo BA Vidrio acorda non renovar o préstamo de 4.000.000 de euros que, teoricamente, tiña concedido á Vidreira do Atlántico para o seu funcionamento corrente; sen procurar unha alternativa de financiamento no mercado bancario

•    No mes de Outubro do 2009 a Vidreira do Atlántico, S.A., procede a reducir á metade o seu capital social (de 12 a 6 millóns de euros) para operar un equilibrio patrimonial, naquel momento, inútil e ficticio ao estar tomada a decisión de pechamento no mes anterior.

•    No mes de Novembro do 2009 a Vidreira do Atlántico, S.A., solicita a declaración de concurso, por INSOLVENCIA para poder atender os seus pagamentos, por REDUCIÓN das cifra de negocio e vendas e por PERDAS continuadas.

•    No mes de Decembro do 2009, malia os requirimentos dos Administradores xudiciais da empresa limiá, o Grupo BA Vidrio, incumprindo o acordo de colaboración que tiña subscrito coa Vidreira, négase a subministrar SOSA, avalar a compra ou, mesmo, venderlla á Vidreira do Atlántico, S.A, provocando o pechamento do forno da empresa por falta de materiais.

•    O 28 de Decembro do 2009 (dous días despois do previsto teoricamente para a absorción da Vidreira polo Grupo BA no mes de novembro do 2008) os directivos da Vidreira dan a orde de pechamento unilateral do forno de fusión, sen autorización xudicial, sen ter en conta a normativa de prevención de riscos laborais e sen informar ao Comité de Empresa; provocando a morte anticipada da Vidreira do Atlántico e, tamén, outro tipo de absorción mais rendíbel: o Grupo BA fica cos clientes da Vidreira e desfaise das súas débedas.

•    O 29 de Decembro do 2009 a Vidreira solicita ao Xulgado Mercantil a admisión dun ERE para a extinción de todas as relacións laborais dos operarios da empresa (mais de 120), dada a suposta inviabilidade do proxecto empresarial e a falta de materiais para producir (que eles mesmos provocaran).

•    No mes de Febreiro do 2010, nunha decisión de moi difícil encaixe legal, o Xulgado Mercantil de Ourense autoriza o pechamento das instalacións da Vidreira, colocando a todos os traballadores en situación de falta de ocupación efectiva e, polo tanto, propiciando o incumprimento grave das obrigas contractuais adquiridas cos operarios/as.

•    No mesmo mes de Febreiro do 2010 a Vidreira do Atlántico deixa de pagar os salarios a todo o persoal.

•    O día 5 de Marzo do 2010 a Administración Concursal da Vidreira do Atlántico entrega o seu informe ao Xulgado Mercantil e nel sinala que a situación patrimonial da empresa concursada reflicte un SUPERÁVIT de mais de 5.000.000 de euros. Na listaxe de acredores/as dese informe a Administración Concursal inclúese ao Grupo BA Vidrio como acredor da Vidreira do Atlántico, cunha cantidade recoñecida de mais de 4.000.000 de  euros. (Un traballo de precisión: o Grupo BA provoca a insolvencia da Vidreira ao cancelarlle o crédito de funcionamento e agora colócase como acredor da propria Vidreira, tentado que se lle devolva o crédito)

•    O día 10 de Marzo do 2010 celébrase no Xulgado Social nº 3 de Ourense un xuízo de 70 traballadores/as, reclamando a extinción das súas relacións laborais coa Vidreira do Atlántico, por incumprimentos contractuais graves, derivados de: FALTA DE OCUPACIÓN EFECTIVA e VIOLACIÓN DE DEREITOS FUNDAMENTAIS e requirindo á condena solidaria ao Grupo BA Vidrio, S.A., por confusión de patrimonios, dirección única da Vidreira de Xinzo de Limia, unidade de caixa, confusión de traballadores e aparencia empresarial unitaria.

•    O día 12 de Marzo do 2010, María Luísa Rubio Quintillán, maxistrada do Xulgado Social nº 3 de Ourense, nunha acción supersónica, publica a súa sentenza, desestimando a petición de rescisión de contratos, substanciada non había aínda 24 horas, nun preito que durou 11 horas seguidas e con 5.000 folios de probas documentais.

A señora maxistrada entendeu que non se producira falta de ocupación efectiva na Vidreira do Atlántico, S.A. nin incumprimento contractual (malia que os traballadores xa estaban nas súas casas sen traballo dende febreiro e non cobrara o salario); que o apagado do forno da fábrica era necesario (malia non estar autorizado xudicialmente e ser provocado polo Grupo BA); que a empresa non violara os dereitos fundamentais dos traballadores, porque tiña dereito a impedir o acceso as súas instalacións aos membros das centrais sindicais e porque se os operarios querían asesoramento sindical podían telo ido procurar aos locais dos sindicatos e, tamén, entendeu que non había responsabilidade solidaria do GRUPO BA VIDRIO na situación da Vidreira, porque non concorría o requisito de Dirección unitaria (malia que o Presidente da Vidreira e o do Grupo son a mesma persoa), nin o de confusión de patrimonios (malia que o Grupo era o vendedor e tamén o comprador único da Vidreira do Atlántico), nin o de unidade de caixa (malia que a Vidreira e o Grupo mantiñan traspasos económicos sen facturas e sen ive, con notas de débito), nin o de confusión de traballadores/as (malia que o proprio Director Xerente da Vidreira o día do xuízo xa estaba contratado polo Grupo BA Vidrio, S.A.)

•    O día 19 de Abril do 2010, o Xulgado Mercantil de Ourense, previo Informe favorábel do Delegado de Traballo da provincia de Ourense, autoriza a extinción de todos os contratos da Vidreira do Atlántico, por considerar que concorría CAUSA ECONÓMICA suficiente para estimar a petición de ERE (isto último, malia os 5.000.000 de euros de superávit patrimonial apreciados pola Administración Concursal).

•    O día 21 de Abril do 2010 os traballadores/as da Vidreira do Atlántico rexistran as correspondentes solicitudes de desemprego no SPEE.

E asim se faz Portugal, uns vao bem e outros mal, di a cantiga do Fausto, cantor do País viciño. E así se fixo a historia dos traballadores e traballadoras da Vidreira do Atlántico: sen axuda algunha das autoridades deste País, cun absoluto desprezo aos valores mais elementais da xustiza e aos dereitos constitucionais dos sindicatos e operarios, con menoscabo da dignidade dos que quixeron exercer os seus dereitos, con desidia e con prepotencia das administracións, con violación das normas laborais mais elementais, con infracción por parte da administración de xustiza das normas procesuais, legais e xurisprudenciais.

En definitiva, coa conciencia e ideoloxía duns poucos e non co bo saber e entender da xustiza. Evidentemente, a CIG e o Comité de Empresa da Vidreira do Atlántico, S.A., temos impugnadas todas as decisións acordadas polo Xulgado Social nº 3 de Ourense, polo Xulgado Mercantil e, mesmo, temos revogada á Administración concursal da Vidreira (demanda presentada o día 20 de Abril do 2010); mais non imos ficar aquí, non serán estas as nosas únicas, nen as nosas últimas accións e así o demostraremos, xa o próximo 29 de Abril do 2010, cunha concentración en reclamación de xustiza, baixo o lema: QUEN XULGA A UN XUIZ ?, perante o Pazo de Xustiza de Ourense.

Algún día tamén imos contar a “ecuánime e xusta” historia PENAL que, paralelamente, se está a desenvolver nos Xulgados de Xinzo da Limia contra dirixentes sindicais, membros do Comité de Empresa da Vidreira e traballadores/as afiliados á CIG.; co obxecto de seguir acreditando a calidade democrática e, mesmo, profesional das autoridades das que estamos rodeados.

En Xinzo da Limia, a 22 de Abril do 2010

Asdo. Manoel Anxo García Torres.

Volver