Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

O xulgado arquiva a denuncia presentada polo Director da Vidreira do Atlántico contra dous sindicalistas da CIG

20 Dec 2010

O xerente da factoría de vidro acusaba aos compañeiros da central sindical de inxurias, estragos e encubrimento, por mor duns sucesos acontecidos durante unha das xornadas de folga

Logo deste suceso, o entón Director da Vidreira, José Saraiva de Valadares Coelho, formulou unha denuncia penal contra os dous compañeiros da CIG, acusando a Anxo García de encubrir un delito de estragos con risco de incendio, penado con dous anos de cárcere polo código penal, así como imputando a Luís Ferreiro a comisión dun delito de inxurias e insultos contra os directivos da Vidreira.

Agora, o Xulgado de Instrución de Xinzo vén de sobreser, por falta de probas, a causa aberta, logo de ano e medio de investigacións e tras coñecer o informe da Fiscalía de Ourense. Neste senso, dende a Unión Local da CIG de Verín lamentaron a “dilixencia investigadora” da xustiza nesta denuncia, pois, aseveran, aínda carecendo de base algunha mantívose aberto “un asunto penal destinado ao fracaso, así como investigáronse unhas imputacións completamente inverosímiles”.

Neste senso, critican o malgasto de recursos públicos nunha causa na que o denunciante “non procuraba resarcimento algún polos supostos danos, senón o control do dereito á folga”. Hai que lembrar que durante o 2009 os traballadores e traballadoras da Vidreira do Atlántico desenvolveron numerosas xornadas de folga en contra da modificación das condicións do traballo acordadas de xeito unilateral pola empresa, a negociación do convenio, incumprimentos en materia de seguridade e saúde así como en demanda de garantías da continuidade da factoría.

Finalmente, dende a Unión Local da CIG de Verín instan á xustiza a tratar coa mesma dilixencia aquelas investigacións dirixidas a impedir “os abusos de certos empresarios e políticos e preservar os dereitos dos traballadores/as”.

Máis información sobre o conflito vivido na Vidreira do Atlántico pinchando aquí.

Volver