O Xulgado anula o orzamento do Concello de Verín do ano 2010 por violación do dereito á defensa
A actitude do alcalde do PP provocou a cuarta sentenza en contra do Goberno local por vulnerar dereitos fundamentais
Dende a central nacionalista lembran que máis unha vez, e xa van catro, o rexedor verinés, Juan Manuel Jiménez Morán, provoca a violación dun dereito fundamental recollido na Constitución española, neste caso o dereito á defensa do artigo 24.
O primeiro dos casos remóntase ao 12 de maio de 2011, cando o Xulgado Contencioso número 1 de Ourense (PEPDF 20/2011), estimando o recurso interposto pola CIG, anulou un decreto do alcalde polo que se lle prohibía á CIG o uso de megafonías para difundir a folga xeral do 27/01/11. A causa da anulación foi a violación dos dereitos fundamentais de liberdade de expresión e de liberdade sindical.
O 26 de outubro de 2011 a sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza declarou a nulidade do orzamento do Concello de Verín do exercicio 2009, por violación, neste caso, do dereito á negociación colectiva e á liberdade sindical da CIG.
O 30 de outubro de 2013, o Xulgado Contencioso Administrativo número 2 de Ourense (PEPDF 379/2012), estimando o recurso interposto pola CIG, anulou un decreto do alcalde de Verín por violar, nesta ocasión, o dereito á liberdade de expresión da central sindical ao ordenar a retirada inmediata de varias pancartas da CIG nas rúas da vila de Verín. “Velaí a actuación de certos dirixentes do Partido Popular e, polo tanto, do propio PP, que, no canto de velar polo cumprimento dos dereitos das persoas, provocan a súa sistemática violación, recorte e restrición”, denuncian.
Ao mesmo tempo, sosteñen que cómpre lembrar que a propia Constitución española recolle, en 16 artigos (do 14 ao 29), os dereitos fundamentais das persoas; “tendo, o senador español e alcalde de Verín, provocado a vulneración de mais do 30% deses 16 artigos: dúas veces a liberdade sindical, dúas a liberdade de expresión e 1 unha o dereito a tutela xudicial efectiva (ou defensa).
“A lóxica democrática imporía que tras a cuarta sentenza de condena por violación dos dereitos fundamentais, o PP tomase cartas no asunto e apartase dos seus cargos ao responsábel”, sosteñen. Mais, ante a posibilidade de que isto non aconteza, a CIG vén de dar instrucións á súa asesoría xurídica para que estude a posibilidade de interpor accións penais contra o alcalde de Verín pola reiteración na violación dos dereitos fundamentais dos traballadores/as e do propio sindicato.”
Ademais, a central nacionalista solicitará nos próximos días unha entrevista co rexedor para facerlle entrega desta última sentenza de condena e requirilo para que abra as negociacións sobre o orzamento do ano 2010, “como xa tivo que facer, no seu día, co de 2009”.