O TSXG declara nulo o despedimento dun traballador do Concello dos Brancos
A sentenza recoñece que o operario estivo suxeito a “discriminación ideolóxica”
Dende a Unión Local de Verín amosaron a súa satisfacción pola sentenza, pois supón o recoñecemento da mala fe coa que actuara o alcalde da entidade local, logo de verse obrigado a readmitir a este traballador. “Esta corrección xudicial imposta polo TSXG vén facer xustiza nun concello que por cuarta vez é condenado a readmitir a traballadores afiliados da CIG, que foran suxeitos á discriminación ideolóxica”, valoraron.
Dende a CIG de Verín apuntaron que a asesoría da central nacionalista sempre mantivo a tese de que o segundo despedimento efectuado contra o traballador referido violaba, baixo a aparencia do remate dunha subvención, a primeira sentenza emitida polo TSXG que obrigaba a unha primeira readmisión.
Anxo García Torres, da Unión Local da CIG de Verín, explicou que o alcalde sometera ao afectado a unha “discriminación ideolóxica por non pertencer ao seu partido”. Estas razóns non foron atendidas polo Xulgado do Social 3 de Ourense, quen entendeu que o segundo despedimento que padeceu o traballo tan só fora improcedente, e non nulo como recoñece o TSXG.
A respecto da importa dunha ou doutra declaración (improcedencia/nulidade), Anxo García, destacou que as consecuencias para o traballador son “absolutamente diferentes”. No caso da declaración de improcedencia, o Concello queda habilitado para desfacerse do operario, aboándolle unha indemnización económica. Non obstante, no caso da nulidade, o alcalde dos Brancos está na obriga de readmitir ao traballador no seu antigo posto de traballo, sen posibilidade de rescindir a relación laboral indemnizándoo.
Actuacións de oficio
A Unión Local de Verín amosou o seu descontento pola escasa repercusión que as actuacións antisindicais e a parcialidade amosada polo alcalde dos Brancos ten a nível político e xudicial. “Non semella presentábel que un Concello democrático sexa condenado catro veces por vulneración dos dereitos fundamentais dun traballador e aquí non pase nada. Os nosos gobernantes e a propia Fiscalía deberían, de oficio, tomar cartas en asuntos desta transcendencia. Mentres non o fagan seguiranse a producir violacións dos dereitos fundamentais por todos lados”.