O TSXG anula o orzamento municipal do Concello de Verín do ano 2009 por vulnerar o dereito de negociación colectiva
O alto tribunal condena á institución local a convocar a Mesa de negociación
Segundo explica o Secretario de Formación da CIG, Anxo García, a CIG, como sindicato maioritario no Concello de Verín, leva dende o ano 2007 tentando renegociar os convenios colectivos (vencidos) do persoal laboral e funcionario da entidade municipal. Porén, o alcalde, Manuel Jiménez Morán, permanece, dende esa mesma data, negándose a realizar unha negociación real. “Os traballadores/as do Concello e os veciños/as levan, igualmente, pagando as consecuencias desa actitude obstrucionista do alcalde de Verín, vai xa para catro anos”, denuncia García Torres.
Así as cousas, no ano 2010, o Xulgado Contencioso Administrativo nº 1 de Ourense xa anulara o Orzamento do Concello de Verín, por non ter sido negociado coas centrais sindicais; mais só impón á institución municipal a obriga de arranxar o defecto formal, retrotraendo o proceso de aprobación orzamentaria ao momento no que se indamitiran as alegacións formuladas pola CIG, antes da aprobación plenaria.
A CIG apela entón a sentenza do Contencioso Administrativo, sinalando que a falta de negociación, constitúe a violación do dereito de negociación colectiva e liberdade sindical dos artigos 28 e 37 da Constitución e “iso debe dar lugar a nulidade de pleno de dereito do orzamento e, por conseguinte, á retroacción de todas as actuacións e a volta á negociación coa representación sindical”, matiza o responsábel de formación da central.
Pola súa banda, o Concello de Verín tamén apela a resolución xudicial, indicando que non existira esa falta de negociación coas centrais sindicais, como o probaba o feito de terse celebrado varias reunións previas á aprobación do Orzamento Municipal. Así mesmo, o Alcalde do Concello declara nun Pleno, ante preguntas da oposición sobre os Orzamentos 2009, que a CIG o que debía facer era revisar a súa estratexia sindical, dadoque nas Eleccións Sindicais non ía ter nada que presentar aos traballadores/as do Concello.
Contra os prognósticos do rexedor municipal, matiza García Torres, “neste mesmo mes de novembro, a CIG volve a gañar, por 3 vez consecutiva as Eleccións Sindicais no Concello de Verín, persoal funcionario, obtendo os 3 delegados/as de persoal en xogo.
A maiores, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, desestima a apelación do Concello de Verín, estimando a apelación da CIG e declara a violación do dereito de negociación colectiva e a nulidade de pleno dereito o Orzamento Municipal.
Unhas prácticas pouco recomendábeis
Para Anxo García Torres, logo de coñecer a sentenza “pouco resta que engadir á cualificación das prácticas do señor Alcalde do Concello de Verín, contundentemente reprobadas polos Tribunais, como vulneradoras dos dereitos fundamentais das persoas e dos traballadores/as”.
Neste senso, cómpre lembrar que en maio deste ano a institución municipal foi condenada por violar os dereitos de información e liberdade de expresión, ao impedir á CIG a utilización de megafonía para difundir a convocatoria de folga xeral.
“Mentres os señores Rajoy e Núñez Feijoo se enchen a boca falando da transparencia, da rexeneración da vida política, das boas prácticas dos servidores públicos, da austeridade e propondo leis para esixir as responsabilidades na que poidan incorrer os cargos públicos no exercicio do poder; o señor Jiménez Morán, do seu mesmo partido,conduce ao Concello de Verín a dúas condenas seguidas por violación dos dereitos fundamentais de liberdade de expresión e información, e agora, de liberdade sindical e negociación colectiva. Os señores Rajoy e Feijoo dispoñen dun bo candidato ao que lle aplicar as súas receitas”, ironizan dende a Unión Local da CIG de Verín.

