Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza declara nula a RPT aprobada en 2008 polo concello do Carballiño

14 Feb 2012

Obriga á institución local a retrotraerse ao momento anterior á aprobación desa norma e a negociala coas centrais sindicais

No ano 2008, con ocasión da aprobación da Relación de Postos de Traballo do Concello do Carballiño á Confederación Intersindical Galega denunciou que o grupo de goberno municipal, estaba a elaborar unha norma unilaterlal, non negociada coas centrais sindicais e á carta, discriminatoria coa maioría dos traballadores/as do Concello. O TSXG vén de dar a razón á CIG declarando nula de pleno de dereito a RPT do Concello do Carballiño e, en consecuencia, obrigando á institución local a retrotraerse ao momento anterior á aprobación desa norma e a negociala coas centrais sindicais.

A sentenza do alto tribunal galego sinala, na páxina 4 da sentenza que

"...convocada e reunida a Mesa o 29 do mesmo mes e denunciadas polo representante da CIG unha serie de deficiencias no borrador (de RPT) presentado, a resposta da administración demanda  non foi outra que -este proxecto de RPT vaise levar ao Pleno e para o ano se pode negociar- polo que efectivamente non pode afirmarse que houber intento de negociación algún...”

A isto engade que “... ademais é certo que o borrador presentado e a RPT aprobada non cumpren as esixencias do artigo 16 da Lei 30/84 e artigo 232.1 da Lei 5/97 de 22 de xullo de Administración local de Galiza, así como art. 27 do D. Lexislativo 1/2008 de 23 de Marzo, sen que en tal sentido aparezan minimamente xustificados os distintos niveis e complementos asignados a cada posto, a súa forma de provisión, o por qué das diferentes contías dos complementos asignados a postos en principio de idéntico contido e outros aspectos asemade esenciais que deben exteriorizarse en canto teñen de ser sometidos a negociación".

Constátase deste xeito, máis unha vez, que os que incumpren adoitan ser os que nos gobernan, non as centrais sindicais, nen os traballadores/as, que dende o 2008 tiveron que soportar unha situación de feito ilegal e que, tan só 4 anos despois, se pode restaurar en parte.

A CIG lembra que esta sentenza vense sumar ás doutros concellos da provincia de Ourense “por actuar irregularmente en materia de dereito laboral e sindical”.

Así sinalan as de Verín (co orzamento de 2009 anulado por decisión xudicial); Xinzo (con ducias de resolucións xudiciais obrigando ao Alcalde a cumprir mandados laborais dos xulgados sociais); Viana do Bolo (con resolución xudicial anulando os criterios impostos polo Alcalde violando o Convenio Colectivo); A Gudiña (coa Oferta Pública de Emprego do 2008 anulada por ilegal); Rairiz da Veiga (con incontábeis sentenzas de violación de dereitos fundamentais dos traballadores/as) e, agora, o Carballiño, coa RPT do 2008 anulada.

Volver