Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

O Tribunal Superior de Xustiza condena ao Concello de Xinzo por vulnerar o dereito á liberdade sindical da CIG

15 Xul 2009

Condena á administración local a admitir a acumulación de crédito horario para a total liberación dun afiliado

A orixe dos feitos, segundo explica o responsábel da CIG de Verín, Anxo García Torres, sitúase en abril de 2008, momento no que a Xunta de Goberno, por informe da Secretaría do Concello, decidiu denegar a acumulación do crédito horario sindical, cedido polos 8 delegados da CIG, á persoa do Secretario da Sección Sindical da central na institución.

As argumentacións dadas pola asesoría xurídica municipal, agora desmontadas polo TSXG, fundábanse en que a xuízo dos técnicos locais a acumulación do crédito horario de todos os delegados da CIG, nun só deles, constituía un abuso de dereito, debendo ser rexeitado por tal motivo e polo ben público municipal.

Pola contra a CIG, tal e como agora avala o TSXG, manifestou, naquel momento, que a única actuación de mala fe que existía era a do propio Concello que, simplemente, decidira violar o dereito de liberade sindical da CIG e dos seus afiliados/as, “como xesto de poder e de autoridade de certas elites funcionariais, enfrontadas aos traballadores/as “rasos”, pola actitude dos últimos de organizarse sindicalmente”, sinala García Torres.

Reclamación de responsabilidade patrimonial

Nesta altura, a Unión Local da CIG de Verín considera recoñecido o seu dereito á liberdade sindical e, “consecuentemente, síntese satisfeita”, mais lembra que para que feito se materializase tivo que producirse a intervención do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. “É dicir, primeiro, os xulgados de instancia, como en moitas outras ocasións, interpretaron o principio “indubio pro operario”, como se se denominar “indubio pro empresario” e tan só 13 meses despois, o TSXG veu colocar as cousas no seu sitio”, lamentan dende a CIG de Verín.

Non obstante, García Torres, subliñou que a pesar de que o TSXG, declarou violada a liberdade sindical da CIG, non aprecia indicios razoábeis para condenar ao Concello a indemnizar ao sindicato, por esta violación. “Curiosa situación, na que se viola un dereito fundamental e non se prepara ningunha medida de reparación do dano causado…como se este non existir”

Neste senso aclara que tanto foi o dano causado que durante máis dun ano a CIG, non puido dispor dos servizos da persoa que pretendía liberar, tendo que recorrer a outros recursos para cubrir as necesidades derivadas da imposibilidade de contar co concurso do Secretario da Sección Sindical da CIG no concello. Por este motivo formularase a correspondente reclamación de responsabilidade patrimonial contra o Concello de Xinzo da Limia.

Dúas velocidades

A este respecto dende a CIG de Verín aclárase que “non se trata de aproveitar para facer “caixa”, o que procura o sindicato é impedir que cada vez que unha empresa ou concello viole a liberdade sindical dun traballador, non existan consecuencias para o infractor. Sendo así de barato contravir os dereitos fundamentais, non é de estrañar que certas patronais non “se corten” á hora de intentalo”.

Por outra banda, sinálase que “mellor non facer comparacións, porque se ollamos as consecuencias económicas, pola vía das sancións administrativas, que están a padecer obreiros, como os do Metal de Vigo, por exercer o seu dereito á folga, de seguro que caeremos na tentación de considerar que existe unha xustiza de “dúas ou máis velocidades”.

Volver