O persoal laboral do Concello de Xinzo reclama ao alcalde que convoque a Comisión Negociadora antes do 15 de xullo
Presentaron ao rexedor unha táboa coas propostas que servirán de punto de partida para negociar o novo convenio
A petición do Comité, que conta co apoio da CIG, e as demais organizacións sindicais con representación no Concello, vén dada pola necesidade urxente de abordar unha serie de cuestión laborais, logo de que o anterior convenio do persoal laboral rematase en 2007. Comité e centrais sindicais propuxeron ao alcalde, como punto de partida para comezar a negociar, a táboa única das seguintes materias:
1.- Arranxo urxente das condicións hixiénicas e sanitarias das instalacións nas que operan as brigadas de obras e xardíns.
2.- Entrega inmediata de roupa e vestiario de traballo axeitados a todos os traballadores/as que o empreguen.
3.- Elaboración urxente dunha avaliación de riscos dos postos de traballo de todo o persoal laboral.
4.- Imputación do 0.7% (2009) e do 0.7% (2010) nos salarios base do persoal laboral, en cumprimento do criterio de equiparación e homologación salarial contido no prorrogado convenio colectivo do persoal laboral.
5.- Proceso de elaboración e negociación dun acordo colectivo para os empregados/as do Concello de Xinzo, dirixido a unificar dereitos e obrigas de todo o persoal municipal.
6.- Proceso de elaboración e negociación dunhas bases de contratación laboral.
7.- Entrega inmediata ao Comité de Empresa da copia da proposta de RPT que, hoxendía, ten elaborada o grupo de goberno do Concello, de cara ao seu estudo.
Cumprimento do calendario
Así mesmo, na solicitude trasladada á alcaldía do Concello de Xinzo, reclámase a convocatoria antes do 15 de xullo da Comisión Negociadora, na que estean presentes todos/as os integrantes do Comité e das centrais sindicais, co obxecto de dar comezo á negociación das materias descritas.
Ademais, exixiron ao alcalde que cumpra os acordos establecidos na última reunión da Mesa Xeral en materia de calendario de reunións e temas a tratar.