O persoal laboral do Concello de Vilariño de Conso irá a folga indefinida a partir do luns 8 de xuño
Exixen ao alcalde que reabra “de xeito inmediato” o proceso de negociación do convenio colectivo
Dende a CIG de Verín sinalan que a resposta obtida en todos os casos por parte da alcaldía foi “a imposición de medidas unilaterais á marxe do dereito de negociación colectiva e liberdade sindical”, así como a ameaza de privatización dos servizos coa conseguinte perda dos postos de traballo.
“O comportamento da alcaldía do Concello de Vilariño de Conso resulta completamente contradictorio coa ideoloxía socialista á que di representar. Mentres o PSOE proclama a súa máis enérxica defensa da estabilidade no posto de traballo, o rexedor meteuse nun camiño de sentido contrario e semella descoñecer o significado da verba estabilidade”, apunta Luis Ferreiro, da Unión Local.
Así mesmo, apunta á intención por parte do Concello de desfacerse de parte do cadro de persoal e mesmo de iniciar a privatización dalgúns dos seus servizos.
Chamamento a reabrir o proceso de negociación
Diante deste comportamento, dende a CIG de Verín fixeron un chamamento aos representantes socialistas para que realicen as xestións oportunas diante do alcalde de Vilariño, co obxecto de que reconsidere o seu comportamento e “de xeito inmediato” reabra o proceso de negociación para a aprobación dun convenio colectivo “dende o respecto aos dereitos de liberdade sindical dos/as traballadores/as, garantindo a súa estabilidade no posto de traballo e respectando os preacordos, verbais e escritos, que con anterioridade se tiñan alcanzado”.
“Dende o colectivo de traballadores/as do Concello de Vilariño de Conso e dende a propia CIG responsabilizamos á alcaldía da convocatoria da folga xeral e de calquera outra medida que lexitimamente puideramos adoptar no transcurso da folga”, aseguraron.