Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

O persoal da Vidreira vai retomar as mobilizacións para reclamar o pago dos salarios de febreiro e marzo

05 Abr 2010

Traballadores/as e CIG solicitan ao xulgado que declare nulo o ERE concursal por non estar xustificado

Os traballadores e as traballadoras da Vidreira do Atlántico retomarán o vindeiro mércores 7 de abril as mobilizacións, nesta ocasión para reclamar o cobro dos salarios dos meses de febreiro e marzo, así como a paga extraordinaria de marzo, que aínda non percibiron, a pesar de asegurárselle o abonamento das nóminas como condición para que se autoriza o peche das instalacións.

O persoal vai desenvolver unha mobilización, a partir das 9:30 horas, nas rúas Valle Inclán e Habana de Ourense, fronte aos despachos dos administradores concursais da Vidreira do Atlántico, xa que agora estes son os responsábeis da xestión da factoría e, polo tanto, do pagamento dos salarios.

Extinción das relacións laborais

Así mesmo, os traballadores/as veñen de presentar, no marco do ERE concursal promovido pola Vidreira, o escrito de conclusións no que solicitan ao Xulgado de Instrución que declare nulo “ou, subsidiariamente, inxustificado” o procedemento de extinción colectiva das relacións laborais de todo o cadro de persoal, “por violación de dereitos fundamentais e inexistencia de causas para a súa aprobación”. Así mesmo, piden que se estendan “solidariamente as responsabilidades da Vidreira do Atlántico, S.A. ao Grupo BA Vidrio, S.A., por constituír a primeira unha mera aparencia empresarial ou liña produtiva integrada e con dependencia absoluta da segunda”.

Neste senso, dende a CIG de Verín lembran que a administración concursal da Vidreira considera que existe grupo de empresas entre a fábrica de Xinzo e o Grupo BA e estabeleceu no seu informe que a situación patrimonial da Vidreira atópase nunha situación de superávit en máis de cinco millóns de euros, fundamentando os argumentos que tanto a central como os traballadores/as viñeron defendendo dende que a multinacional acordou pechar a Vidreira. Por iso, dende a CIG de Verín pregúntanse “onde está pois a quebra da empresa e a situación que xustifique o concurso?”.

A este respecto, hai que lembrar tamén que o pasado 8 de marzo a parte social solicitou no Xulgado de primeira instancia a suspensión cautelar da tramitación do ERE presentado pola Vidreira no marco do concurso, ao detectarse diversas cuestións que poderían anular a súa tramitación do expediente, tais como a non inclusión do persoal de ETT no ámbito de aplicación do ERE.

Así mesmo, Comité e CIG lamentan que o Xulgado do Social 3 de Ourense desestimase a demanda de extinción de contratos formulada por 71 empregados/as, “obviando por completo na súa resolución o Informe da Administración Concursal, relativo á responsabilidade solidaria do Grupo BA, así como os Informes da Inspección Provincial de Traballo sobre as infraccións graves cometidas pola empresa en materia de relacións e seguridade laboral”.

Podes descargar en formato pdf o escrito completo das conclusións presentadas polo Comité, CIG e traballadores/as da Vidreira.

Volver