O persoal da Vidreira do Atlántico acorda iniciar folgas de sete días cada mes
Están desenvolvendo a novena xeira de paros
A novena xornada de folga na Vidreira do Atlántico conta cun novo “elemento”: o notario. A asemblea de traballadores/as celebrada o venres 24 de abril decidiu contar coa presenza dun notario que levanta acta das accións dos directivos da empresa, “co obxecto de acreditar a execución da ameaza lanzada pola patronal, anunciando a proibición da actuación de varios membros do Comité de Folga; que implicaría, consecuentemente, a violación do pacto de servizos mínimos”, explica Anxo García Torres, responsábel da CIG-Verín.
Durante a asemblea tamén se aprobou incrementar a intensidade das protestas na fábrica da Limia, logo da reiterada negativa por parte da empresa á negociar unha saída ao conflito. O persoal acordou pasar os paros de 32 horas cada 15 días a “7 días seguidos cada mes”. Non obstante, antes de pór en marcha a nova medida, os traballadores/as abrirán un periodo de tres semanas “para que a empresa demostre se quere ou non quere dialogar, conferíndolle a oportunidade de establecer unha negociación seria”, sinalou García Torres.
Os representantes dos traballadores/as deron conta na asembela das xestión realizadas polo alcalde de Xinzo perante a dirección da Vidreira de cara a reactivar o diálogo. “As noticias das que dispomos neste momento é que o rexedor puidera ter concertada unha entrevista co Presidente do Grupo BA para a próxima semana”.