Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

O persoal da Vidreira convoca catro novas xornadas de folga para marzo e abril

03 Mar 2009

Denuncian que a empresa instalou catro novas cámaras de vídeo vixilancia sen avisar aos traballadores/as

Logo do éxito da manifestación do pasado 27 de febreiro, na que traballadores e traballadoras da Vidreira contaron co apoio de representantes municipais de Xinzo e doutros Concellos da comarca, así como de numerosos veciños e veciñas da zona, o persoal da factoría volverá a convocar catro novas xornadas de folga, que se desenvolverán durante 32 horas continuadas nos días 15-17 de marzo, 29-31 de marzo, 5-7 de abril e 25-28 de abril.

O obxectivo dos paros é instar á dirección de BA Glass (propietaria da Vidreira) a retomar de xeito inmediato a negociación do convenio colectivo, logo de que esta non acudise á mesa de negociación convocada polo comité e os sindicatos con representación, CIG e CCOO.

O comité de folga tamén convocou unha xuntanza coa dirección da Vidreira o vindeiro día 11 de marzo para acadar un pacto nas cuestións referidas a mantemento, seguranza e servizos mínimos.

Petición do dereito de acceso

O responsábel da Unión Local da CIG de Verín, Anxo García Torres, tamén reclamou, en representación do conxunto dos traballadores/as, o exercicio do dereito de acceso ás imaxes do persoal en folga gravadas polas cámaras de vídeo vixilancia da Vidreira. Os traballadores e traballadoras denuncian que a dirección ten instalado catro novas cámaras no recinto que ocupa a Vidreira dende que se iniciou o conflito, ademais das catro que existían.

Dúas das novas cámaras foron instaladas nas garitas de acceso á Vidreira, dirixidas a tomar imaxes da vía pública que limita coa entrada á factoría, outra atópase no mesmo despacho do director da empresa. Trátase dun dispositivo de vídeo vixilancia portábel, apsotado sobre un trípode e que, ao parecer, tamén enfoca á vía pública. A última das novas cámaras detectadas atópase na parte superior da fachada principal e trátase dun dispositivo xiratorio.

Estes dispositivos non están sinalizados, nin inscritos debidamente no rexistro xeral de ficheiros da Axencia española de Protección de Datos (como obriga a lexislación actual) e a súa instalación non foi advertida ao comité de folga, polo que sospeitan que se trata dun intento da empresa de “contravir e limitar o dereito fundamentais dos traballadores/as á folga e liberdade sindical”.

García Torres advertiu que de non facerse entrega das gravacións no prazo de dez días, os representantes dos traballadores/as recorrerán a AEPD coa finalidade de iniciar o procedemento de tutela de dereitos. Hai que lembrar que as cámaras de vídeo vixilancia que enfocan á vía pública só poden ser instaladas e xestionadas por persoal dos Corpos e Forzas de Seguridade e nunca por empresas privadas de seguridade

Volver