O CONCELLO DO BARCO DE VALDEORRAS OFERTA DÚAS PRAZAS DE AUXILIARES DE POLICÍA LOCAL
Son para a tempada de verán
O concello do Barco de Valdeorras publica no BOP do 24 de abril a convocatoria do proceso de selección para a contratación laboral temporal, a través da modalidade contractual de acúmulo de tarefas, a xornada completa, de dous/dúas auxiliares de Policía Local para a tempada de verán (xuño, xullo, agosto e setembro de 2017).
Trátase dunha contratación laboral temporal de dous/dúas Auxiliares de Policía Local, a través da modalidade contractual de acúmulo de tarefas, a xornada completa, durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro (ata o 30.09.2017). O obxecto é a realización das tarefas que o concello considere oportunas apoiando ao corpo da Policía Local. Os requisitos e documentación son os esixidos nas bases de convocatoria para a contratación laboral temporal, mediante o procedemento de selección oposición, de dous/dúas auxiliares de Policía Local, que se entregarán na Oficina de Información do Concello do Barco de Valdeorras, estando tamén dispoñibles no taboleiro de edictos e no portal de transparencia da sede electrónica do concello (https://sede.concellodobarco.org). A presentación de instancias farase no rexistro físico (de 09.00 a 14.00 horas dos días hábiles) ou no rexistro electrónico do Concello do Barco de Valdeorras (o primeiro atópase no edificio núm. 2 da Praza do Concello da Vila do Barco e o segundo na sede electrónica do Concello na páxina web da rede de internet á que se pode acceder na https://sede.concellodobarco.org) durante o prazo de cinco días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no “Boletín Oficial da Provincia de Ourense”. As solicitudes poderanse remitir tamén na forma determinada no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Tamén poderán presentarse de acordo co previsto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, de acordo co que dispón a disposición derrogatoria única en relación coa disposición final 7ª da Lei 39/2015, de 1 de outubro. As bases e o anuncio da convocatoria publicarase no taboleiro de anuncios do concello (Praza do Concello, n.º 1), no taboleiro de edictos e no portal de transparencia da sede electrónica do concello (https://sede.concellodobarco.org); no suposto de non ser posible publica-las bases no taboleiro de edictos electrónico do concello o mesmo día que saia publicada a convocatoria no BOP de Ourense, entón o prazo de presentación de solicitudes comezará a computarse a partir do día seguinte ao da publicación das bases no taboleiro de edictos electrónico do concello.

