Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

O CONCELLO DE VIANA DO BOLO BUSCA UN/HA TRABALLADOR/A SOCIAL

23 Xun 2023

Asemade, crea unha bolsa de emprego

Oferta do concello de Viana do Bolo feita pública no BOP do 23 de xuño. Convocatoria e bases que rexerán o proceso selectivo, mediante concurso-oposición, para a contratación laboral indefinida dun/dunha traballador/a social a media xornada, e formación de bolsa de contratación entre as persoas aspirantes non seleccionadas.
Para os efectos oportunos, publícase que, con data 20 de xuño de 2023, o alcalde ditou o seguinte Decreto:


1. Aprobar a convocatoria e as bases reguladoras que rexerán o proceso selectivo mediante concurso-oposición para a contratación laboral indefinida dun/dunha traballador/a social a media xornada e formación de bolsa de contratación entre as persoas aspirantes non seleccionadas

Primeira. Obxecto da convocatoria
1. O obxecto destas bases é regular a convocatoria dun proceso de selección por concurso-oposición para a contratación dun/dunha traballador/a social para coordinar o Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Viana do Bolo (SAF).
2. A modalidade contractual será indefinida segundo a normativa vixente en materia laboral.
3. As funcións serán as propias do posto do traballador/a social:

- Planificación do SAF, asignando o persoal axeitado aos servizos que haxa que prestar en cada caso e axustando os recursos dispoñibles aos servizos que haxa que cubrir de xeito eficaz e eficiente.
- Xestión de incidencias do SAF.
- Replanificación do servizo do SAF ante ausencias de profesionais que realicen os servizos en domicilios.
- Coordinación e organización do traballo do persoal, realización dun seguimento individual e grupal e valoración das
accións que se realicen.
- Manter unha relación fluída e cooperativa coa persoa dependente, a súa familia, ou coidador principal, para detectar así cambios nas necesidades principais ou demandas do servizo, adoptar as medidas oportunas e manter contacto cos usuarios de maneira telefónica e presencial.
- Análise do servizo para detectar as necesidades e carencias sociais.
- Calquera outra propia do seu grupo profesional que se lle encomende e que estea relacionada coa coordinación do SAF

4. O sistema de selección será o de concurso-oposición.

Segunda. Condicións e requisitos dos aspirantes
As persoas aspirantes que participen no concurso-oposición deberán reunir, na data en que remate o prazo concedido para a presentación de solicitudes, os seguintes requisitos:

a) Ser español/a ou cidadá/n dalgún estado membro da Unión Europea nos termos establecidos no artigo 57 da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, ou persoas estranxeiras con residencia legal en España.
b) Ter cumpridos os 18 anos de idade e non exceder da idade máxima de xubilación forzosa.
c) Non padecer enfermidade ou defecto físico ou psíquico que impida o correcto desempeño das correspondentes funcións.
d) Non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servizo ao Estado, comunidades autónomas ou entidades
locais, nin atoparse inhabilitado para o exercicio de funcións públicas.
e) Non estar incurso en ningunha causa vixente de incapacidade ou incompatibilidade.
f) Estar en posesión, ou en condicións de obter na data de finalización do prazo de solicitudes, do título de diploma universitario en Traballo Social, ou do título de grao en Traballo Social, que deberá ser acreditado mediante documento oficial expedido polo organismo competente.
g) Posuír permiso de conducir tipo B ou superior e dispoñibilidade de vehículo.
h) Celga 4.

Terceira. Criterios de selección, puntuación e xustificaciónOs méritos que se valorarán, segundo a puntuación e acreditación que se especifica, son os seguintes:
A fase de concurso (de 0 a 40 puntos – 40 % do total) constará dos seguintes apartados:

1. Experiencia profesional: a puntuación máxima que se poderá obter neste apartado é de 30 puntos.
Por servizos profesionais prestados como traballador/a social (máximo 30 puntos).
- 0,50 puntos/mes.
A experiencia profesional acreditarase exclusivamente mediante a presentación conxunta do certificado de vida laboral actualizado e copia dos contratos de traballo. A experiencia que non se considere debidamente acreditada, non se puntuará.
2. Formación: puntuación máxima que se poderá obter neste apartado é de 10 puntos:
Por cada curso directamente relacionado coas funcións propias do emprego a que se opta, avalados por un organismo
público:
Cursos de 0 a 40 horas: 1 punto/curso
Cursos de 41 a 100 horas: 2 puntos/curso
Cursos de 101 a 250 horas: 3 puntos/curso
Cursos de 251 horas a 500 horas: 4 puntos/curso
Cursos de máis de 500 horas: 5 puntos curso

Fase de oposición (de 0 a 60 puntos – 60 % do total):

1. Exame teórico: obrigatorio e con carácter eliminatorio: máximo 40 puntos.
Realizarase unha proba teórica (de 40 minutos de duración) na que deberán de superar un exame de 40 preguntas tipo test, relativas ás materias incluídas no temario que figura como anexo III. Cada resposta correcta sumará 1 punto.
2. Exame práctico: consistirá no desenvolvemento dun caso práctico que haberá que realizar en 1 hora e 30 minutos, relacionado coas funcións do posto ofertado, obrigatorio e con carácter eliminatorio: máximo 20 puntos. Realizarase unha proba na que deberán de resolver un caso práctico mediante proba escrita directamente relacionado coas funcións definidas no artigo 1 destas bases.
3. Exame de galego: exame de carácter obrigatorio e non eliminatorio. Este exercicio consistirá na tradución sen dicionario dun fragmento dun documento administrativo proposto polo tribunal e no tempo máximo que se determine. Este exercicio será cualificado de “apto” ou “non apto”. Quedan exentos de realizar esta proba as persoas aspirantes que acrediten estar en posesión do Celga 4 ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia.

Cuarta. Forma e prazo da presentación de solicitudes

1. As instancias mediante as que se solicite participar no proceso selectivo presentaranse no modelo oficial facilitado polo concello de Viana do Bolo (anexo I), e presentaranse no Rexistro Electrónico Xeral deste concello ou nalgún dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no prazo de dez días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOP). De non presentarse as solicitudes no Rexistro Xeral, e co fin de axilizar os trámites, é aconsellable que os/as interesados/as, dentro do prazo, remitan por correo electrónico (concello.vianadobolo@eidolocal.es) a comunicación da presentación da solicitude por algún dos medios previstos no referido artigo 16 da Lei 39/2015. O horario de presentación da documentación no Rexistro do Concello será de luns a venres, de 8:00 a 14:00 horas. As bases íntegras publicaranse na sede electrónica deste concello [https://vianadobolo.sedelectronica.gal], no taboleiro de anuncios e na páxina web do concello (https://www.vianadobolo.gal).

2. Xunto coa solicitude, os aspirantes achegarán a seguinte documentación:
a) Copia do DNI ou documento que proceda no caso de persoas estranxeiras.
b) Relación de méritos que alega, anexo IV debidamente cuberto e a documentación xustificativa de cada un deles. Non se valorarán aqueles méritos que o tribunal considere que non están suficientemente acreditados. Así mesmo, non se terán en conta aqueles méritos alegados ou achegados con posterioridade ao remate do prazo de presentación de instancias.
c) Declaración responsable de cumprir cos requisitos necesarios para contratar coa Administración pública, así como de non estar incurso en ningunha causa de incapacidade ou incompatibilidade previstas na lexislación vixente (anexo II).
d) Copia do permiso de conducir.

3. Coa presentación da instancia para participar no proceso selectivo entenderase que as persoas interesadas aceptan e
acatan todas e cada unha das bases desta convocatoria.

4. Logo de rematado o prazo de presentación de instancias, a Alcaldía, como responsable de persoal, ditará unha resolución a que se aprobará a lista provisional de aspirantes admitidos/as e excluídos/as, que será exposta no taboleiro de anuncios, na páxina web e sede electrónica deste concello [https://vianadobolo.sedelectronica.gal]. Os/as aspirantes
excluídos/as e/ou omitidos/as disporán dun prazo de 5 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución, para emendar o defecto que motivase a exclusión, en todo caso mediante un escrito no que conste a descrición precisa da reclamación, xunto coa documentación en que se fundamente. As reclamacións deberán ser rexistradas e presentadas de idéntica forma que as solicitudes. Non caben reclamacións para a falta de documentación non achegada no seu momento. Unha vez rematado o prazo de reclamación e/ou de emenda de erros, o alcalde ditará unha resolución mediante a que aprobará a listaxe definitiva de admitidos e excluídos, e na que fixará a data da realización das probas selectivas e da proba de galego, de ser o caso, que se publicará no taboleiro de anuncios, na páxina web do concello e na sede electrónica deste concello [[https://vianadobolo.sedelectronica.gal], No caso de que por circunstancias excepcionais houbese que modificar lugar, data ou hora das probas selectivas, publicarase no taboleiro de anuncios, na páxina web do concello e na sede electrónica deste concello [[https://vianadobolo.sedelectronica.gal], No caso de que os/as aspirantes excluídos/as (de existir) non presentasen reclamacións, a lista publicada terá carácter definitivo. Contra a resolución do alcalde pola que se declaren  definitivamente excluídos do proceso selectivo, o/a interesado/a poderá interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes, contado dende o día seguinte ao da publicación da devandita resolución, ou ben directamente o recurso contencioso - administrativo no prazo de dous meses desde a citada data. Non se poderá interpoñer recurso contencioso administrativo ata que sexa resolto expresamente o recurso de reposición ou se producise a súa desestimación presunta.

Quinta. Tribunal de selección

O Tribunal encargado da cualificación das probas e da supervisión do proceso designarase conforme co estipulado no artigo 60 do TREBEP. Todos e todas as vogais deberán posuír a titulación ou especialización igual ou superior ás esixidas para o acceso á praza convocada. O presidente do Tribunal poderá dispoñer a incorporación ao tribunal de asesores/as especialistas para as probas que consideren pertinentes, estes/as limitaranse a prestar a súa colaboración nas súas especialidades técnicas e actuarán con voz pero sen voto. Os membros do Tribunal deberán absterse de intervir e notificaranllo á autoridade convocante, cando neles concorran circunstancias das previstas nos arts. 23 e 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, ou realizasen tarefas de preparación a probas selectivas, nos cinco anos anteriores á publicación da convocatoria. O presidente poderá esixirlles aos membros do tribunal unha declaración expresa de non estar incursos nas circunstancias establecidas nos citados artigos. Os/as aspirantes poderán recusar os membros do tribunal cando concorran neles as devanditas circunstancias, segundo o disposto nos artigos citados. O Tribunal non se poderá constituír nin actuar sen a asistencia de, polo menos, tres dos seus membros, titulares ou suplentes indistintamente e, en todo caso, será imprescindible a asistencia do presidente e da secretaria. O Tribunal poderá adoptar as medidas precisas naqueles casos nos que resulte necesario, para que os/as aspirantes con discapacidade gocen de similares condicións ás do resto dos demais aspirantes. As decisións adoptaranse por maioría de votos dos membros asistentes, en caso de empate resolverá o voto de calidade do presidente. Os membros do Tribunal, titulares ou suplentes, que actúen nestas probas percibirán as gratificacións correspondentes segundo o disposto nos artigos 29 e seguintes do Real Decreto 462/2002, do 24 de maio.

Sexta. Resolución da convocatoria e contratacións

1. Unha vez concluído o proceso de selección, o tribunal publicará no taboleiro de edictos, na sede electrónica e na páxina web do Concello de Viana do Bolo o nome da persoa candidata proposta para o nomeamento, segundo a orde da puntuación acadada e indicarase a cualificación obtida.

2. De acordo coa relación, remitiráselle ao presidente, ademais da acta da sesión, a devandita proposta de nomeamento da persoa aspirante aprobada; a continuación, o presidente realizará o nomeamento da persoa aspirante seleccionada e formalizarase o correspondente contrato laboral.

3. En ningún caso o tribunal cualificador poderá propoñer para a contratación un número maior de aspirantes que o de
prazas convocadas.

Sétima. Bolsa de contratación
As persoas que non consigan praza pasarán a forma parte dunha bolsa de traballo, de tal maneira que, cando o concello
necesite algún/algunha traballador/a destas características para o mesmo servizo e posto, obxecto da presente convocatoria, para cubrir postos que queden vacantes, acudirá á dita bolsa e seleccionará a primeira persoa da lista e soamente poderá seleccionarse á seguinte persoa a esta, cando a primeira rexeitase o posto ou non cumpra nese momento os requisitos dos aspirantes expostos nestas bases; o que suporá pasar ao final da lista, salvo que se dean as circunstancias de estar xa traballando ou enfermo/a, o que deberá xustificarse mediante a documentación precisa. A duración desta bolsa será polo tempo que dure o servizo subvencionado.

Otava. Recursos

Estas bases e os demais actos administrativos que se deriven do proceso selectivo poderán ser impugnados polas persoas
interesadas, mediante os medios previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administración públicas e na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.

 

Volver