Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

O CONCELLO DE VERÍN NOVAMENTE CONDEADO POLOS XULGADOS DO SOCIAL

17 Feb 2020

Trátase do complemento salarial de antigüidade

Dous traballadores, subrogados polo Concello de VERÍN da antiga empresa adxudicataria da Depuradora de Augas Municipal, veñen de obter senllas sentenzas favorábeis, polas cales os Xulgados do Social núm. 2 e núm. 1 de Ourense lles recoñecen o dereito a percibir o complemento salarial de antigüidade, computando os anos de servizo prestados para as antigas empresas adxudicatarias.
A Concellaria de Persoal do Concello de Verín suma e segue na súa actuación de aparentar, ficar ben e non gastar nada. Primeiro decide a subrogación dos traballadores, cuestión coa que este sindicato está de acordo, mais, unha vez subrogados, incumpre todas as normas derivadas dos procesos de subrogación:
a) Non negocia as subrogacións coas centrais sindicais do Concello, cuestión que é preceptiva segundo o disposto no artigo 44 do ET.
b) Cría dúas clases de traballadores/as, incompatíbeis co principio de igualdade: os do Concello e os subrogados.
c) Criada a discriminación, impón aos traballadores/as subrogados condicións de traballo inferiores ás que teñen recoñecidas os traballadores/as do Concello para abaratar o seu custe. Por exemplo non lles recoñece, nen a mesma antigüidade nen o mesmo soldo co que contan os traballadores/as municipais no Convenio de Verín.
Pois ben, os Xulgados do Social de Ourense veñen de condenar ao Concello de Verín a pagar a antigüidade aos traballadores/as subrogados, estabelecida nos Convenios Colectivos de orixe, dado que o Concello non negociou coas centrais sindicais do ente local a integración de tais traballadores/as no Convenio do Concello de Verín. É dicer, o tiro pola culata !!! Pretendían privar aos subrogados do complemento de antigüidade previsto no Convenio de Verín non negociando coas centrais sindicais e agora os xulgados condenan, por non negociar, a pagar a antigüidade polos convenios de orixe.
E ista é só a ponta do “iceberg” porque hai mais de 70 traballadores/as subrogados/as nas mesmas condicións dos servizos de axuda no fogar e recollida do lixo.
Alguén niste concello tan progresista debería parar de vender fume e se por a planificar e dignificar as relacións laborais

Volver