O Concello de Verín acata a sentenza gañada pola CIG no TSXG pola que se anula unha praza de auxiliar de biblioteca
O goberno local terá que repetir o proceso de selección cumprindo todas as garantías legais
A CIG impugnou no ano 2006 a adxudicación dunha praza de Auxiliar de Biblioteca, por parte do Concello de Verín, ao considerar que non se tiña actuado consonte co procedemento legalmente estabelecido: vulnerárase a garantía de anonimato, anuláranse improcedentemente as decisións do Tribunal, contraveuse o principio de especialidade ao non incluír a un membro especialista en bibliotecas, etc.
En marzo de 2008, o Xulgado do Contencioso número 2 de Ourense, en cumprimento da orde dada polo TSXG, declarou nulo de pleno dereito o Decreto da Alcaldía do Concello de Verín, do 29 de Xuño do 2006 e, consecuentemente, parte do proceso selectivo convocado o 23/12/05. Ademais, ordenaba retrotraer as actuacións ao momento anterior ao da celebración da primeira proba da fase de oposición, que deberá repetirse, así como adoptarse as medidas precisas para garantir o anonimato dos aspirantes na corrección das probas e para integrar no Tribunal de Selección, cando menos, a un técnico/a na materia obxecto dos exames.
Agora, meses despois, o Concello acata a sentenza e iniciará novamente o proceso de selección para este posto. Para a CIG de Verín o resultado deste fallo vai proporcionar, a todos os participantes no proceso selectivo, unha nova oportunidade de optar, desta volta en igualdade de oportunidades, á praza de auxiliar de biblioteca.