Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

O concello de Rairiz de Veiga condenado a pagar máis de 13.000 euros por violación da integridade moral dun traballador

01 Xul 2008

Sancións de 3.000 e 10.000 euros do Xulgado do Social nº 1 e a Inspección de Traballo de Ourense

Para a CIG de Verín as actuacións do alcalde do concello de Rairiz de Veiga, Xosé Xaquín Rodríguez Ambrosio son, alén de  “impresentábeis e ilícitas”, dun “absoluto desprezo cara os dereitos laborais dos traballadores e traballadoras do concello, en xeral, e dos dereitos fundamentais da persoas, en particular”.

Segundo explican, xa ao remate da folga dos traballadores da Mancomunidade da Limia, en novembro de 2005, o alcalde deste concello ourensán anunciou aos operarios que tiñan secundado aquela medida de presión que serían despedidos no momento no que ingresasen nos concellos concesionarios da Mancomunidade.

Anxo García, secretario de Organización da Unión Local da CIG de Verín, lembra que mesmo durante a folga, este alcalde xa non se caracterizara “precisamente, polo seu ánimo dialogante, procurando, en todo momento, o enfrontamento cos traballadores folguistas para que cederan nos seus dereitos”.

Porén, cando o traballador procedente da Mancomunidade, Manuel Pérez Gómez, foi adxudicado ao concello de Rairiz de Veiga e tras da súa incorporación, en xuño de 2006, “comezou o seu calvario laboral, perfectamente deseñado e planificado pola institución municipal e o seu alcalde, dirixido a hostigar e acabar coa resistencia psicolóxica do operario, co obxecto de obrigalo, probabelmente, a abandonar voluntariamente o traballo”, sinala Anxo García.

Esta situación de acoso laboral queda constatada na sentenza do Xulgado do Social nº 1 de Ourense (autos 163/08) no seu feito probado terceiro –inclúese o pdf ao pé- onde se recolle a secuencia de feitos emprendidos polo concello de Rairiz e o seu alcalde.

  1. 16/02/07 ( Autos 118/07) Xulgado Social nº 2, condénase ao Concello a pagar ao traballador a cantidade de: 2679,60 euros, por débedas salariais.
  2. 9/05/07 (Autos 310/07) Xulgado Social nº 3, condénase ao Concello a pagar ao traballador a cantidade de: 2009,70 euros, por débedas salariais.
  3. 14/11/07 (autos 754/07) Xulgado Social nº 3, condénase ao Concello a pagar ao traballador a cantidade de: 5466,40 euros, por débedas salariais.
  4. 24/10/07 (autos 702/07) Xulgado Social nº 3, condénase ao Concello a pagar ao traballador a cantidade de: 2757,54 euros, por impagamento das prestacións de incapacidade temporal.
  5. 20/12/06 (autos 908/06) Xulgado Social nº 2, condénase ao Concello a pagar ao traballador a cantidade de: 16.661,34 euros, por débedas salariais.Ademais de 4 ou cinco procesos mais, relativos á negativa do Concello a conceder ao operario as súas vacacións e asuntos propios.

Por este encadeamento de feitos o Xulgado do Social nº 1 e a Inspección de Traballo de Ourense condenaron e sancionaron ao concello de Rairiz de Veiga ao pagamento de 3.000 e 10.000 euros, respectivamente, por vulneración do dereito fundamental de toda persoa á integridade moral.

De feito, no auto 163/08 do Xulgado do Social nº 1 de Ourense recóllese textualmente “...sen que mala a sanción imposta pola Inspección de Traballo ao concello (10.000 euros) se observe que exista recapacitación algunha por parte do concello, e polo tanto, a medida adoptada non pode verse pola súa contumacia máis que como un acto tendente a causar dano psicolóxico ao traballador, que estivo de baixa desde o 3 de abril de 2007 ao 7 de xaneiro de 2008, por padecer ‘trastorno de ansiedade con somatización en relación á situación laboral..”

Diante desta situación a CIG de Verín alén de denunciar publica e politicamente a actuación do alcalde de Rairiz de Veiga exixe que se adopten medidas para obrigalo a presentar a súa dimisión, “por levar á institución a unha situación insostíbel e por permitir e participar na violación dos dereitos fundamentais das persoas”.

O secretario de Organización da CIG de Verín adianta ademais que continuará cos procesos xudiciais emprendidos e que se está a estudiar a posibilidade de emprender accións penais contra o alcalde, por entender que os seus actos poderían ser constitutivos dun delicto de “prevaricación” e de violación dos dereitos fundamentais.

Volver