O CONCELLO DE PETÍN OFRECE UNHA POSTO DE CHÓFER DE TRACTOR ROZADORA
Trátase dun contrato de seis meses a xornada completa
O concello de Petín fai público no BOP do 13 de maio, logo de se aprobar por resolución da alcaldía con data 17/04/2020, as bases e a convocatoria para a contratación, en réxime de persoal laboral, dunha praza de chofer de tractor rozadora,mediante o sistema de concurso-oposición, ábrese o prazo de presentación de solicitudes, que será de 10 días hábiles contado desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Boletín Oficial de la Provincia de Ourense.
Achéganse as bases reguladoras que rexeran a convocatoria:
Número de prazas: 1
Modalidade da contratación: contrato por obra ou servizo determinado (6 meses), a tempo completo.
Horario do contrato: 40 horas semanais, 8 horas ao día, conforme coa planificación dos traballos que para efecto sinale a alcaldesa do concello de Petín.
Denominación do posto: chofer de tractor-rozadora.
Salario bruto mes, incluíndo pagas extras: 1.162,98 €
Tarefas para realizar: levar a cabo co tractor rozadora traballos de limpeza e roza de camiños, zonas verdes e análogos no concello de Petín, relacionados coas tarefas de limpeza das marxes das redes viarias municipal e provincial, e todas aquelas relacionadas co servizo que a Alcaldía lle asigne.
Prazo de presentación das solicitudes no concello e modelo de instancia: No prazo de dez días hábiles a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no BOP de Ourense, mediante a instancia que se transcribe no anexo, presentada na casa do concello ou ben envialas mediante a sede electrónica (https:// petin.sedelectronica.gal), correo electrónico (info@petin.gal) ou por correo postal certificado, en horario de 9.00 horas a 13.00 horas.
Condicións e requisitos que deben reunir as persoas aspirantes, así como forma de xustificación:
a) Ter nacionalidade española ou algunha outra que, consonte ao disposto no artigo 52 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do
emprego público de Galicia, permita o acceso ao emprego público en Galicia, así como estranxeiros que teñan a súa residencia legal en España. Achegarase fotocopia compulsada do DNI ou da tarxeta de residencia.
b) Non ter sido despedido mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder á mesma categoría profesional á que se pertencía. Acreditarase mediante declaración na instancia de solicitude.
c) Ter cumpridos os dezaoito anos e non exceder, de ser o caso, a idade máxima de xubilación forzosa.
d) Deberá posuír permiso de conducir clase B ou superior en vigor.
e) Posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións e tarefas. Acreditarase mediante declaración na instancia da solicitude. Baremo de puntuación dos méritos, así como forma de xustificación por parte dos interesados/as:
1. Experiencia profesional: máximo 7 puntos
- Por cada mes completo de servizos prestados en postos similares no concello de Petín: 0,50 por mes traballado.
- Por cada mes completo de servizos prestados en postos similares noutras administracións públicas: 0,20 por mes traballado.
- Por cada mes completo de servizos prestados en postos similares na empresa privada: 0,10 por mes traballado.
Rexeitaranse as fraccións de tempo inferiores ao mes e os contratos de xornada inferior á xornada completa valoraranse de xeito proporcional. Acreditarase mediante a presentación de certificado de vida laboral actualizada e copia compulsada dos contratos de traballo ou certificados de empresa. A experiencia que non se considere debidamente xustificada non se puntuará.
2. Formación: máximo 2 puntos
- Por asistencia a cursos organizados por administracións públicas ou homologados, relacionados coas funcións do posto,
Cursos de 20 horas a 50 horas: 0,25 puntos
Cursos de 51 horas a 100 horas: 0,50 puntos
Cursos de máis de 100 horas: 0,75 puntos
Acreditarase mediante a presentación de copia compulsada dos certificados acreditativos de ter realizada a acción formativa co número de horas. No caso de que non estableza as horas, considerarase inferior a 20 horas, polo que non se lle outorgará puntuación.
3. Coñecemento da lingua galega: máximo 1 punto.
Valorarase o coñecemento da lingua galega acreditado polos cursos e titulacións homologadas pola Xunta de Galicia. Só se valorará o grao superior alegado.
- Celga 1: 0,25 puntos
- Certificado do curso de iniciación á lingua galega ou Celga 2: 0,50 puntos
- Certificado do curso de perfeccionamento da lingua galega ou Celga 3: 0,75 puntos
- Celga 4: 1 punto
Órgano de selección: comporase das seguintes persoas, sendo un órgano colexiado:
Presidente: María Blanco Benéitez: funcionaria de carreira do concello de Petín.
Vogal: Víctor Manuel Yáñez Cortés: técnico nomeado polo concello de Petín).
Vogal: Noemí Domínguez Fernández: persoal laboral do concello de Petín).
Secretario: Jesús Rodríguez Fernández: secretario-interventor do concello de Petín).
O órgano de selección reunirase na casa do concello unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes por parte dos candidatos/as. Primeiramente, realizarase a proba práctica a cada aspirante ao posto, que serán avisados previamente da hora e da data de realización. Para isto, os/as aspirantes presentaranse na casa do concello para poder realizala, se algún/algunha aspirante non se presenta á proba, esta puntuarase con 0 puntos e procederanse a puntuar o resto dos méritos presentados. A continuación, o órgano de selección valorará o resto da documentación presentada polos/as aspirantes. Ao seu remate, confeccionarase unha acta na que se expresará o total da puntuación obtida por cada aspirante, en todos os apartados que se puntúan, segundo o descrito nestas bases. O/A aspirante que reúna a máxima puntuación será o proposto polo tribunal para o posto. Esta acta publicarase na sede electrónica do concello de Petín (https:// petin.sedelectronica.gal) e no taboleiro de anuncios do concello.
Contratación das persoas:
Mediante decreto desta alcaldía procederase a contratar á persoa proposta polo tribunal, que será a que resultara con
maior puntuación na acta mencionada no punto anterior. Este decreto da lcaldía publicarase na sede electrónica do concello de Petín (https:// petin.sedelectronica.gal) e no taboleiro de anuncios do concello.»Os sucesivos anuncios desta convocatoria, cando procedan de conformidade coas bases, publicaranse na sede electrónica deste concello [dirección https://petin.sedelectronica.gal] e no taboleiro de anuncios, para maior difusión. Contra as presentes bases, que poñen fin á vía administrativa, pódese interpoñer alternativamente o recurso de reposición potestativo, no prazo dun mes contado dende o día seguinte ao da publicación deste anuncio, ante a Alcaldía deste concello de Petín, de conformidade cos artigos 123 y 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas, ou o recurso contencioso-administrativo, ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contado dende o día seguinte ao da publicación deste anuncio, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contenciosoadministrativa. Se se optase por interpoñer o recurso de reposición potestativo, non poderá interpoñerse o recurso contencioso-administrativo ata que aquel sexa resolto expresamente
ou se producise a súa desestimación por silencio. Todo isto sen prexuízo de que poida exercitar calquera outro recurso que estime pertinente.

