Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

O CONCELLO DA MERCA OFERTA DOUS POSTOS DE TRABALLO

11 Mai 2020

Son para oficial de 1ª de albanelería e un pión forestal

O concello da Merca fai público no BOP do 11 de maio, logo de aprobar por resolución de alcaldía con data 05/05/2020, a contratación das prazas denominadas, oficial de 1ª de albanelería e un pión forestal, en réxime laboral temporal, polo sistema de concurso de méritos, ábrese o prazo de presentación de solicitudes, que será de 5 días hábiles contado desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no BOP de Ourense.

Bases de selección e contratación laboral temporal, a xornada completa, dun traballador desempregado coa categoría de oficial 1ª de albanelería e outro traballador coa categoría de pión forestal con cargo ao Plan de empregabilidade da Deputación Provincial de Ourense 2020.

1.-Obxecto: e obxecto desta convocatoria a contratación baixo a modalidade de contrato de duración determinada por obra ou servizo, regulado no artigo 15.1 a) do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o Texto refundido do Estatuto dos traballadores, dos postos de traballo que se sinalan: un oficial 1ª de albanelería e un pión forestal, que desenvolveran o seu labor a xornada completa.

1.1.- Cos aspirantes que superasen o proceso, e pola nota final non acadasen praza, confeccionarase un listado para cubrir as baixas ou renuncias que se puidesen producir entre o persoal que si resultase seleccionado, adxudicándose a contratación ao seguinte aspirante en puntuación, e así sucesivamente; esta bolsa de emprego permanecera aberta catro meses.

2.- Duración: A duración do contrato será de seis (6) meses.

2.1- Requisitos xerais dos/as aspirantes: para ser admitido nesta convocatoria, os aspirantes deberán reunir, na data na que finalice o prazo de presentación de instancias, os seguintes requisitos:

Ser español ou nacional dos demais estados membros da Unión Europea, ademais poderán participar no proceso selectivo os estranxeiros que reúnan a condición de cónxuxe de españois ou de nacionais doutros estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito, e os seus descendentes e o do seu cónxuxe, sexan menores de 21 anos ou maiores de devandita idade dependentes. Poderán acceder así mesmo, ademais das persoas sinaladas nos parágrafos anteriores, os estranxeiros que se atopen residindo legalmente en España, dacordo co previsto no artigo 10.2 da vixente Lei orgánica de dereitos e liberdades dos estranxeiros en España. Ter cumpridos os dezaseis anos e non excede, no seu caso, da idade máxima de xubilación forzosa. Estar en posesión do título requirido para optar aos postos ofertados, ou en condición de obtelo na data na que termine o prazo de  presentación de solicitudes. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberán posuír o documento que acredite a súa homologación.

Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións. Nin ter sido ou estar separado mediante expediente disciplinario do servizo de calquera das administración públicas ou dos órganos das comunidades autónomas, nin atoparse en inhabilitación absoluta ou especial para empregos por resolución xudicial, ou para exercer funcións similares.

3.- Presentación de solicitudes. Tras a aprobación de bases e convocatoria pública mediante iste anuncio no Boletín Oficial da Provincia, na sede electrónica do concello e no taboleiro de edictos do Concello da Merca.

As solicitudes para tomar parte nesta convocatoria dirixiranse ao alcalde do concello da Merca, de acordo co modelo do anexo I destas bases. A presentación de solicitudes deberá efectuarse en días hábiles de luns a venres no rexistro do concello da Merca, en horario de 9.00 a 13.00 horas, ou en calquera das formas previstas no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administración públicas. Coa solicitude deberase achegar:

· Fotocopia compulsada do DNI ou documento equivalente, os aspirantes estranxeiros deberán presentar documento que acredite que é nacional da Unión Europea. Os estranxeiros deberán acreditar que están residindo legalmente en España, esta documentación debera estar compulsada.

· Declaración xurada manifestando que reúnen todos e cada un dos requisitos xerais esixidos na convocatoria (inclúese no modelo de instancia).

· Tarxeta de demandante de emprego ou certificación, de ser o caso, expedida polo Servizo Público de Emprego na que se acredite que é demandante de emprego e o tempo que leva nesta situación.

· A documentación achegada de méritos alegados, debera presentarse en orixinais ou fotocopias validamente compulsadas e non se terán en conta aqueles que non queden debidamenteacreditados.

· A experiencia en postos similares, acreditarase mediante certificado de vida laboral, orixinal (ou fotocopia compulsada) expedida pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social, na que conste expresamente os períodos de alta e baixa no sistema e os grupos de cotización ou copia dos contratos de traballo. Os servizos prestados na Administración pública poderán ademáis acreditarse mediante certificación expedida polo órgano competente.

Prazo de presentación de instancias.

Os interesados en formar parte deste proceso selectivo, presentarán a súa instancia no modelo que aparece no anexo I destas bases facendo constar que reúnen todos os requisitos sinalados nestas bases e dirixiranse ao alcalde do concello da Merca. Presentaranse debidamente cubertas, no rexistro xeral do concello no prazo de cinco (5) días hábiles, contados a partir do seguinte ao do anuncio desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Ourense. Se o día en que finalice o prazo de presentación de instancias fose sábado ou día inhábil o prazo finalizará o primeiro día hábil seguinte.

Os sucesivos anuncios en relación con este proceso publicaranse no taboleiro de anuncios do concello da Merca e na súa sede electrónica https://amerca.sedelectronica.gal.

4.- Admisión de aspirantes:

Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, a Alcaldía ditará resolución, no prazo máximo de tres días hábiles, pola que se declarará aprobada a lista provisional de admitidos/as e excluídos/as. Esta resolución publicarase no taboleiro de edictos da casa do concello e na sede electrónica, sinalándose un prazo de tres días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución para que os aspirantes excluídos poidan emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.

No caso de non haber excluídos nin que precisen do trámitede emenda, a lista provisional elevarase a definitiva automaticamente, ditarase unha soa resolución coa lista definitiva de aspirantes admitidos, composición do tribunal, lugar e hora de realización das probas.

Unha vez transcorrido o devandito prazo, o alcalde ditará resolución definitiva, contra a cal se poderá interpoñer recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, de 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administración públicas, ou poderase interpoñer directamente o recurso contencioso administrativo ante o Xulgado do Contencioso Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, de conformidade co disposto no art. 8.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

5.- Tribunal cualificador.

O tribunal estará constituído por un número impar de membros, funcionarias de carreira ou persoal laboral fixo, non inferior a cinco, debendo designarse o mesmo número de suplentes, un dos cales actuará como presidente/a e outro como secretario do tribunal. O alcalde  nomeará por decreto os membros do tribunal e os seus suplentes e fixará a data da súa constitución, axustándose ao previsto no artigo 60 do Estatuto básico do empregado público, que será publicado no taboleiro de anuncios. Consonte ao establecido no devandito artigo o tribunal terá a seguinte composición:

· Presidente: un funcionario de carreira ou persoal laboral pertencente ao grupo de  clasificación profesional de titulación igual ou superior ao esixido para o acceso á praza convocada.

· Secretario: o da Corporación ou persoa que faga as súas veces.

· Vogais: tres funcionarios/as de carreira ou persoal laboral pertencentes a un grupo de clasificación profesional de titulación igual ou superior ao esixido para o acceso á praza convocada.

Os membros dos tribunais deberán absterse de intervir cando concorran neles, circunstancias das previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, de 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público. Así mesmo, os/as aspirantes poderán recusar aos membros do tribunal cando concorran neles algunha das circunstancias previstas nestas bases, conforme ao artigo 24 da Lei 40/2015, de 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público. O tribunal non poderá constituírse nin actuar sen a presenza, cando menos, de máis da metade dos seus membros, titulares ou suplentes, indistintamente. En todo caso, requírese a asistencia do/a presidente/a e do/a secretario/a ou dos que legalmente os substitúan. O procedemento de actuación do tribunal axustarase aos disposto na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, redactando acta de cada sesión. Os tribunais poderán dispoñer a incorporación de asesores especialistas para as probas en que así o estimen necesario ou conveniente. Os ditos asesores, actuarán con voz e sen voto,limitándose ao exercicio das especialidades técnicas en base ás cales colaboran no respectivo tribunal. Os membros do tribunal, así como os asesores ou colaboradores que se incorporen a este, terán dereito, pola súa concorrencia ás sesións, ao pagamento de asistencias na contía establecida de conformidade co previsto no Real decreto 462/2002, de 24 de maio, sobre indemnizacións por razón de servizo, tendo en conta as actualizacións desta, vixentes na data da realización das probas. O tribunal resolverá por maioría de votos dos seus membros presentes, todas as dúbidas e propostas que se produzan para a aplicación das normas contidas nestas bases, e estará facultado para resolver as cuestións que poidan suscitarse durante a realización das probas, así como adoptar as medidas necesarias.

6.- Sistema de selección:

O procedemento de selección consistirá nunha fase de concurso que se levará a cabo mediante a valoración dos méritos presentados e obxecto de puntuación, que virá determinada pola suma das puntuacións dos méritos valorados para cada aspirante e outra de oposición.

A) Fase de concurso:

1) Experiencia profesional: puntuación máxima: 2 puntos

Por servizos prestados en concellos na mesma categoría ou similar á do posto ao que se opta: 0,30 por cada mes completo ou fracción. Por servizos prestados noutras AAPP na mesma  categoría ou similar á do posto ao que se opta: 0,20 por cada mes completo ou fracción. Por servizos prestados en empresas na mesma categoría ou similar á do posto ao que se opta: 0,10 por cada mes completo ou fracción.

Formación. Puntuación máxima: 2 puntos:

Valorarase a formación nas materias propias do posto, en cursos impartidos por centros  oficiais ou centros de formación dependentes das administracións públicas sempre relacionados coas funcións propias da praza á que se aspira. Máximo: 2,00 puntos; A formación dos traballadores acreditarase mediante a presentación de copia validada dos certificados acreditativos de ter realizada a acción formativa, na que conste o número de horas de formación realizada.

Por cursos de máis de 50 horas: 0,50 puntos/curso

Por cursos de entre 20 e 50 horas: 0,20 puntos

Por curso de menos de 20 horas: 0,10 puntos

B) Fase de oposición

Proba práctica. Será adecuada a cada posto ofertado, e consistirá na realización ou resolución de preguntas prácticas sobre as funcións do posto, no tempo máximo de trinta (30) minutos e na forma que sinale o tribunal, podendo ser oral ou escrita. Valorarase a profundidade de coñecementos, claridade e rigor na exposición e a adecuación das conclusións, a dita proba valorarase de 0 a 10 puntos, quedando eliminados os que non obteñan 5 puntos. Entrevista de carácter persoal sobre os méritos adecuados ás características do posto. Puntuarase ata un máximo de 3 puntos. A puntuación total do proceso selectivo será de un máximo de 17 puntos.

Unha vez concluído o proceso de selección, o tribunal publicará na sede electrónica https://amerca.sedelectronica.gal e no taboleiro de edictos do concello a relación de candidatos, pola orde de puntuación conseguida, con indicación da cualificación obtida, así como do documento nacional de identidade, elevando a devandita proposta ao alcalde. O alcalde ditará resolución, pola que aprobe a lista definitiva, de acordo coa orde de puntuación obtido no proceso selectivo, para os efectos da súa contratación temporal. A dita resolución publicarase na páxina web e no taboleiro de anuncios do concello.

7.- Contratación:

O tribunal elevará ao alcalde do Concello da Merca a proposta de contrato a favor dos integrantes que conseguisen a maior puntuación. O aspirante que obteña a maior puntuación no proceso selectivo, deberá presentar, no prazo de tres días, como requisito previo e  imprescindible para proceder á súa contratación, orixinais ou fotocopias compulsadas da seguinte documentación:

- Certificado médico.

- Tarxeta de desemprego expedida polo Servizo Galego de Colocación. (Se é o caso)

Os aspirantes seleccionados deberán incorporarse ao seu posto de traballo no prazo máximo de tres días contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución. Se os aspirantes propostos non se incorporasen dentro do prazo previsto sen xustificación, serán eliminados e procederase á contratación dos aspirantes seguintes, de ser o caso, respecto ás cales lles será de aplicación o mesmo prazo previsto no epígrafe anterior. As contratacións deberán  xustarse ás normas legais e regulamentarias en materia de contratos laborais de natureza temporal.

Incidencias. O tribunal está facultado para resolver as dúbidas e incidencias que presenten, así como para adoptar os acordos necesarios para o bo desenvolvemento do proceso selectivo, en todo aquilo non previsto expresamente nestas bases. As comunicación sobre incidentes relativos ás actuacións dos tribunais poderán dirixirse á Alcaldía. Contra a resolución da  alcaldía, de aprobación das bases, que pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpor, con carácter potestativo, un recurso de reposición ante o mesmo órgano, no prazo dun mes ou directamente un recurso contencioso-administrativo ante os Xulgados do Contencioso Administrativo no prazo de dous meses, computados os devanditos prazos a partir do día seguinte ao da súa publicación no taboleiro de anuncios do concello e no BOP. Os acordos do tribunal de selección, se concorren os supostos establecidos no artigo 112.1 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administración públicas, poderán ser impugnados mediante a interposición de recurso de alzada ante o  mesmo órgano ou ante o órgano superior xerárquico, no prazo dun mes contado a partir do día da súa publicación.

Dotación económica:

Oficial primeira de albanelería: 1.143,33 €/mes brutos, incluída a parte proporcional das pagas extras.

Pión forestal: 1.081,50 €/mes brutos, incluída a parte proporcional das pagas extras.

Horario laboral: será conforme á planificación dos traballos que para o efecto sinala a alcaldía,  distribuída segundo as necesidades do servizo, respectando en todo caso o cumprimento máximo de horas prevista na normativa vixente.

Funcións: as propias do posto de traballo.

Anexo I Modelo de instancia

Don/Dona..., maior de idade, con DNI ... e con domicilio para os efectos de notificacións... ... e número de teléfono ...

Expoño

Que sendo coñecedor da convocatoria pública realizada polo concello da Merca para a contratación laboral temporal coas cláusulas especificas de obra ou servizo determinado, a xornada completa, indicar especialidade (de Oficial primeira de albanelería ou Pión forestal)

Declaro baixo a miña responsabilidade

1.- Que coñezo na súa integridade as bases que rexen a convocatoria.

2.- Que reúno todos e cada un dos requisitos esixidos nestas bases para poder participar neste proceso selectivo.

3.- Que posúo a capacidade funcional para o desempeño das tarefas propias do posto de traballo.

4.- Non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servizo de calquera das administracións públicas ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin estar en inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos por resolución xudicial.

5.- Non estar incurso nalgunha das causas de incapacidade ou incompatibilidade determine a lexislación vixente.

Solicita:

Se teña por presentada a solicitude dentro do prazo concedido para o efecto e ser admitido para tomar parte nas probas selectivas para a devandita convocatoria. Acompáñase a solicitude dunha fotocopia do DNI, pasaporte ou documento equivalente e dos documentos que acreditan o cumprimento dos requisitos e dos méritos profesionais establecidos nas bases aprobadas nun total de ... follas (en letra e número e sen incluír esta).

..., ... de ... de 2020

Volver