O CONCELHO DE VERÍN APERCIBIDO POLOS XUÍCES CON MULTAS E RESPONSABILIDADE PENAL POR NON DAR CUMPRIMENTO A UMHA SENTENZA XUDICIAL
A CIG xa advertiu en diferentes ocasións a este concelho
Non é o mesmo predicar que dar trigo !!!! A CIG leva advertindo dende hai meses que a actitude dos mandatarios/as do Concelho de Verín en materia de persoal semelha mais á de épocas anteriores que á dun goberno que presume de progresista, transparente e dialogante. E velaquí que xa temos a primeira orde dun xulgado apercibíndoos con multas coercitivas e mesmo con deducir testemuño de particulares, para o caso de que segan incumprindo o disposto na Sentenza da Sala do CA do TSXG do 7 de marzo do 2017 pola que se condenou á Administración local verinesa a admitir a trámite a solicitude de revisión de oficio formulada pola CIG contra a modificación da RPT 1/2010 sobre a implementación da Lei de Coordenación da Policía Local.
O sorprendente diste asunto é que a Sentenza da Sala do CA do TSXG, que o actual grupo de goberno non cumpre, pronúnciase sobre unha modificación da RPT municipal levada adiante polo anterior grupo de goberno do PP e, aínda así, o actuais rexedores/as arríscanse á incorrer en desobediencia ás ordes xudiciais, no canto de tentar solucionar un problema nado de acordos dos anteriores mandatarios populares. Iste tipo de decisións lévanos a considerar que as diferenzas reais entre os actuais gobernantes e os anteriores son mais “estéticas” que “éticas”, porque, cando se trata de negociar con terceiros (sindicatos), a máxima “ordeno y mando” preside invariabelmente a acción de goberno, á marxe do grupo político que ocupe o goberno.
A CIG ten dado creto abondo, tanto aos anteriores como aos actuais dirixentes. Sen ir mais lonxe o sindicato abstívose no proceso de negociación do Orzamento 2018, malia que contén disposicións coas que non estamos de acordo, non vetando a súa aprobación a fin de dar unha nova oportunidade ao diálogo; alternativa que, polo que se olha, só defende a propria central sindical.
En fin !!! Instamos ao grupo de goberno municipal e, especificamente, ao seu Alcalde: Xerardo Seoane, que sempre que pasa algo así anuncia que todo está xa en vías de solución sen que nada estea solucionado, a recapacitar sobre se o caminho emprendido é útil para democratizar e melhorar as relacións laborais no ente local ou, simplesmente, é o mesmo caminho percorrido por outros con distintos logotipos.

