O CONCELHO DE VERIN CELEBRARA O 6 DE AGOSTO UN PLENO E ACTO PÚBLICO PARA OUTORGAR DISTINCIONS AS VITIMAS DO FRANQUISMO NA COMARCA DE MONTERREI
O 6 de Agosto (xoves) as 20.30 celebrarase na Casa do Concelho de Verín o Pleno no que se aprobarán as distincións aos represaliados/as
Tras a proposta formulada pola CIG de organizar un Acto institucional de Homenaxe ás vítimas do franquismo na Comarca de Monterrei, o Grupo de Goberno do Concelho de Verín ven de tomar o acordo de celebrar, o próximo día 6 de Agosto de 2015 (xoves), un Pleno da Corporación municipal, co obxecto de outorgar tais honores e distincións aos vicinhos/as, políticos/as e sindicalistas executados, apresados e represaliados polo franquismo.
Rematado o Pleno, sobre as 21.30 horas da noite, tamén se desenvolverá, na Praza da Concelho de Verín, un acto público de homenaxe ás vítimas e entrega de distincións aos familiares.
A petición realizada pola Unión Local da CIG de Verín, o día 22 de Xulho do 2014, reiterada o día 23/04/15, persegue, e toda aponta a que vai conseguir, que o Concelho de Verín conceda, a título póstumo, a umha serie de persoas que protagonizaron a vida da nosa vila nos momentos previos e posteriores ao golpe de estado de 1936, as distincións e honores que merecen, por ter entregado as súas vidas e patrimonios á causa da liberdade e da democracia.
Ademais, preténdese proxectar tal reconhecimento non só ás persoas propostas para seren distinguidas, senón tamén a todos os represaliados/as e resistentes ao franquismo da Comarca de Monterrei (mais de 500 persoas oficialmente contabilizadas); motivo polo que a CIG fai un chamamento a toda a cidadanía á participación nos actos de homenaxe.
PROPOSTA DA CIG:
1º.- Conceder os honores e distincións, a título póstumo, que se relacionan, ás persoas que se identifican:
a) Filhos predilectos da vila de Verín aos condenados, pola Sentenza Militar de 22/05/1937 (Causa 1021/1936), que se sinalan:
JUAN ANTONIO ÁLVAREZ DIÉGUEZ
ERNESTO RAMOS MÉNDEZ
SIXTO SALGADO FARINHAS
MANUEL CADAVID GARCÍA
LUÍS ÁLVAREZ LOSADA
MANUEL SOLA PAREJA
ENRIQUE J. CARDOSO PURIFICACIÓN
ADOLFO IGLESIAS RODRÍGUEZ
CONSTANTINO GAGO GAGO
RAMÓN QUINTAS GONZÁLEZ
FRANCISCO VAZ ÁLVAREZ
CELSO BLANCO CASTRO
MANUEL CABIDO RODRÍGUEZ
GREGORIO BARREIRAS MARTÍNEZ
JOSÉ SOLA PAREJA
FERNANDO SUÁREZ ÁLVAREZ
b) Filhos adoptivos da vila de Verín aos condenados, pola Sentenza Militar de 22/05/1937 (Causa 1021/1936), que se sinalan:
CARLOS REINO CAAMANHO
LINO GARCÍA VÁZQUEZ
RICARDO GONZÁLEZ GONZÁLEZ
GERARDO RODRÍGUEZ BARJA
JOSÉ PÉREZ DELGADO
PEDRO JUSTO CASTRO
2º.- Conceder a insignia d'ouro do Concelho de Verín ás persoas executadas, asasinadas, fuxidas e represaliadas durante o Franquismo, naturais da Comarca de Monterrei, disponhendo a exhibición de tal insignia, con carácter permanente, nun lugar público e preferente da Casa do Concelho de Verín.
3º.- Colocar umha placa conmemorativa na fachada do Concelho de Verín, co seguinte redactado:
"O concelho e o povo de Verín en lembranza dos fusilados o día 17 de Xunho de 1937: Carlos Reino Caamanho (Alcalde de Verín), Xoán Antonio Álvarez Diéguez (Tenente Alcalde), Ernesto Ramos Méndez (Concelheiro), Sixto Salgado Farinhas (Sindicalista) e Lino García Vázquez (Director do xornal -El Nuevo Támega-), así como de todos os homes e mulheres executados/as, paseados/as, asasinados/as, fuxidos/as, aldraxados/as, violadas, humilhadas e represaliados/as polo réxime franquista"
4º.- Dar orde ao servizo correspondente do Concelho de Verín de instruír un expediente dirixido a modificar a denominación das rúas propostas no escrito de solicitude ou, no seu caso, a asignar, a outras rúas e prazas, as denominacións que se sinalan; debendo estar concluído tal trámite no prazo máximo de 12 meses.
* PRAZA DO ALCALDE CARLOS REINO CAAMANHO.
* RÚA DE LINO GARCÍA VÁZQUEZ.
* RÚA DE SIXTO SALGADO FARINHAS.
* RÚA DE XOAN ANTONIO ÁLVAREZ DIÉGUEZ.
* RÚA DE ERNESTO RAMOS MÉNDEZ.




