Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

O CONCELHO DE OURENSE CONDENADO A PAGAR A NOCTURNIDADE AOS BOMBEIROS/AS DURANTE O MES DE VACACIÓNS

19 Xan 2018

O xulgado CA Nº 1 de Ourense publica a sentenza tras a demanda da CIG

O pasado 12 de xaneiro publicouse a sentenza nº 4/2018 do Xulgado CA nº 1 d’Ourense, estimando, en parte, a demanda defendida pola CIG, relativa á reclamación do dereito dos membros do corpo de bombeiros d’Ourense a cobrar durante o mes de vacacións un salario equivalente ao cobrado durante un mes de trabalho.

Dende a CIG reclamabamos, a efectos de garantir isa equiparación salarial, a inclusión no salario vacacional dos bombeiros/as dos pluses de periogosidade e festividade que perciben nun mes de trabalho normal.

O Concelho d’Ourense, denegando tal posibilidade, alegou no marco do proceso que ises pluses constitúen umha produtividade extraordinaria, destinada a compensar circunstancias especialmente penosas que só se manifestan cando se trabalha, efectivamente, de noite ou en día festivo e que, por tanto, non tinha sentido indemnizar aos trabalhadores/as por ditas circunstancias durantes as súas vacacións.

O titular do Xulgado CA nº 1 estimou en parte a demanda da CIG ao entender que a NOCTURNIDADE non constitúe umha circunstancia extraordinaria na xornada e no trabalho dos bombeiros/as ourensaos/ás, senón umha PENOSIDADE PERMANENTE E OBRIGADA, alhea ao conceito legal de produtividade e, por tanto, retribuíbel como salario, tamén, durante o período vacacional, por canto nas vacacións todo funcionario/a ha cobrar o mesmo salario que trabalhando.

 A reclamación relativa á inclusión no salario vacacional do plus de festividade, porén, non foi estimada polo xulgador ourensao, determinando que, niste caso, si se trataba dumha circunstancia extraordinaria da xornada e do trabalho dos bombeiros/as.

 A importancia desta sentenza radica en que se deberá reconhecer, non só ao demandante niste suposto concreto, senón a todos os bombeiros/as do Concelho d’Ourense un acrecentamento do seu salario, no mes de vacacións, ao considerarse que a nocturnidade fai parte do trabalho normal, non do trabalho extraordinario.

Volver