O Comité de Vidreira do Atlántico anima a colectivos e organizacións da Limia a participar na manifestación do 27 de febreiro
Ás 22:00 horas deste martes 17 iniciarán a cuarta xornada de folga na factoría
Baixo o lema: “A Limia ten futuro ! Nin un paso atrás ! Polo mantemento dos postos de traballo na Vidreira do Atlántico !”, o Comité de Folga da empresa ten convocada unha manifestación o vindeiro 27 de febreiro, a partires das 17:30 horas. A través da mobilización, que dará saída fronte á Casa Consistorial de Xinzo, quérese reclamar unha solución inmediata ao conflito colectivo que existe na empresa dende finais de 2008 e que se veu agravado nos últimos tempos pola postura intransixente da dirección.
De feito, este martes 17 comezará a cuarta xornada de folga dos traballadores e traballadoras da Vidreira do Atlántico, que se prolongará até as 6:00 horas do xoves 19 de febreiro. O persoal da vidreira tomou a decisión de acudir a unha folga xeral en todos os servizos e dependencias da factoría logo das constantes negativas da dirección da empresa a aceptar calquera das propostas presentadas polo Comité a respecto do plus de actividade, modificacións das categorías ou melloras das medidas de prevencións e riscos laborais.