Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

O Comité de empresa de Vidreira do Atlántico S.A. presenta conflito colectivo

21 Mai 2008

O actual propietario pretende vender a factoría ao grupo Barbosa e Almeida

Sotancro, grupo ao que pertence a empresa Vidreira do Atlántico S.A, dedicada á fabricación de botellas e envases, pretende vender a factoría ourensá, con entre 150 e 200 traballadores/as, ao grupo Barbosa e Almeida. Porén os traballadores descoñecen os pormenores da operación de venda e as posíbeis repercusións que tería.

Por iso, tras celebrar unha asemblea acordaron que o Comité presentara na sede da empresa unha solicitude para manter unha reunión coa dirección requirindo información económica detallada do proceso de venda, tal e como estabelece o convenio e o Estatuto dos Traballadores. “Esta petición xa se realizou hai máis de medio mes pero non se obtivo ningún tipo de resposta por parte da actual dirección da empresa”, explica Anxo García, da Unión Local da CIG de Verín.

Ante o silencio, os traballadores decidiron adoptar medidas en dúas direccións: a primeira, sentar á dirección para que informen sobre a situación na que está a operación de venda; a segunda, reclamar aquelas cuestións laborais que estaban en proceso de negociación coa empresa e que quedaron absolutamente suspendidas desde que se subministrou a información da posíbel venda.

Solicitude de mediación

Anxo García explica que, en cumprimento dos acordos adoptados en asemblea, os traballadores presentaron unha solicitude de mediación diante da delegación de Traballo de Ourense, co obxectivo de que a administración sente a esta empresa a negociar, como é a súa obriga e informe do proceso de venda. Xunto a iso, presentaron un conflito colectivo ante dos xulgados para demandar que se adopten medidas respecto dos temas que se estaban a negociar, nomeadamente no que respecta a xornada laboral, para adecuar as horas legais de xornada á realidade e que os xuíces impoñan á empresa a rebaixa de horas.

Os temas pendentes de negociación

Xornada laboral

A empresa ten unha xornada máxima anual, por convenio, de 1.750 horas cando en realidade cada traballador está a facer, de media, unhas 220 horas por riba das acordadas sen retribuír.

Se as 220 horas extra que cada traballador fai a maiores, se multiplican por 150 traballadores atopariámonos cun importante número de empregos nesa empresa. “Nese sentido témolo moi fácil, os calendarios laborais que existen na vidreira determinan unha xornada a quendas continuas. Os traballadores/as traballan sete días seguidos e dous descansan, en quendas de mañá tarde e noite sen descanso nin os sábados, nin domingos, nin festivos, nin Nadal nin nada.... un ritmo de produción imparábel...”, di o representante da CIG de Verín.

Categorías profesionais

Tamén se estaba a negociar a adecuación das categorías profesionais porque as actuais son inadecuadas na maioría dos casos, polas funcións que realizan as /os traballadoras/es. “A maioría teñen a categoría profesional de oficial de terceira e realizan todo tipo de funcións. É moi posíbel que un oficial de terceira teña un xefe que tamén é oficial de terceira”, explica García.

Contratos a través das ETTs

Arredor duns 50 traballadores que desenvolven a súa actividade na propia factoría estaban contratados a través de Empresas de Traballo Temporal. O Comité estaba a negociar o cambio das súas condicións laborais, propondo a súa desprecarización facéndoos indefinidos da propia empresa Vidreira do Atlántico.

Sinistralidade e accidentabilidade

Dados os elevados índices de sinistralidade e accidentabilidade de Vidreiras do Atlántico estábanse a estudar as posíbeis causas. Entre outras concluíuse que a principal derivaba do exceso de xornada.

Os representantes do Comité de Empresa tamén anunciaron que se non conseguen que a empresa se reúna cos representantes dos traballadores/as adoptarán outro tipo de medidas, entre as que non descartan a convocatoria de mobilizacións.

Volver