Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

O COLECTIVO DE XUBILADOS/AS E PENSIONISTAS DA CIG CONVOCA UNHA CONCENTRACIÓN PARA O VINDEIRO MARTES 27

22 Feb 2018

Esixen unhas pensións dignas

O colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG fai un chamamento á mobilización que convocan para o vindeiro martes día 27 ás 11:30 diante do antigo banco de España, na rúa do Paseo en Ourense. Reivindican a defensa do sistema público de pensións, do poder adquisitivo das mesmas e polo dereito a que as pensións mínimas sexan iguais ao Salario Mínimo Interprofesional. Denuncian que, as continuas reducións das pensións non só se empobrece ás persoas pensionistas, senón tamén “a outros membros do meu ámbito familiar que, por non teren ingresos de seu, necesitan das miñas achegas económicas para poderen formarse ou mesmo subsistir diariamente. E, indirectamente, colaboran na depauperación xeral da economía, ao limitar a miña capacidade de consumo”. Diante desta situación, o colectivo de xubilados e pensionistas da CIG chama a non deixarse enganar polas “mentiras disfrazadas de rigorosas análises feitas por supostos expertos” que poñen en cuestión a viabilidade do sistema público de pensións nun futuro próximo e mesmo a capacidade para pagar ás/aos pensionistas actuais nos próximos anos ou as pagas extras. 

Advirten de que o que se pretende, unha vez máis, é xustificar o desmantelamento do sistema público e universal das pensións e favorecer os plans privados dos que se enriquecen as grandes empresas e bancos que as xestionan.

Lembran que nos últimos anos, coas sucesivas reformas aprobadas tanto polo PSOE como polo PP, “pasamos por que en varios exercicios non se revisara o importe nominal das pensións, ou que se fixera por baixo da inflación, ata que en 2013 o PP eliminou a lei que establecía o IPC para o cálculo do incremento das pensións, promovendo un duro recorte que nalgúns casos pode reducir ata nun 20% as futuras pensións, a conta das mentiras sobre o aumento da esperanza de vida”.

Denuncian que esas reformas aprobadas polos gobernos alternos de PSOE e PP, complican cada vez máis o acceso ás pensións contributivas, diminúen as contías das pensións de quen accede ao sistema e atrasan a idade efectiva de xubilación.

Alertan de que, como resultado, na actualidade temos un maior empobrecemento das persoas pensionistas. “Preto dun 60% das pensións galegas están por baixo do salario mínimo e seguen aumentando as diferenzas, como o demostra que as pensións na Galiza estean máis de 15 puntos por baixo da pensión media do Estado español”.

Xunto a isto subliñan ademais que, como noutros ámbitos, tamén no caso das pensións as mulleres son as máis prexudicadas, por teren unha vida laboral máis precaria e con importantes lagoas de cotización, que xunto ás altas taxas de feminización das pensións non contributivas, fai que “1 de cada 4 mulleres maiores de 65 anos estea baixo a liña da pobreza”.

A isto engaden o “roubo” que desde o Estado se perpetra ás pensións dos/as emigrantes retornados/as, o estabelecemento polo Partido Popular de repagamentos na sanidade, a retirada do financiamento público de medicamentos moi usados, ou o recobro dos medicamentos que se dan nas farmacias dos hospitais, afectándonos especialmente a pensionistas e persoas con enfermidades crónicas, converténdose nun novo imposto á enfermidade.

Por iso chaman a mobilizarse ante as ameazas constantes e a exixir cambios na actual situación. “É necesario que nos mobilicemos para que se derroguen todas estas políticas e reformas, para defender o sistema público de pensións, o seu poder adquisitivo e o dereito a que as pensións mínimas sexan iguais ao Salario Mínimo Interprofesional”.

Volver