O CAOS DA SITUACIÓN LABORAL, TRAS 2 ANOS DE GOBERNO BIPARTITO, NO CONCELLO DE VERÍN
A CIG demandará xudicialmente ao Concello por incumprimento dos acordos
Tras dous anos do goberno PSOE-BNG no Concello de Verín a Unión Local da Confederación Intersindical Galega debe facer balanzo da situación na que se atopan as relacións laborais en tal institución.
Con carácter previo, temos que lembrar que o funcionamento e a organización interna do persoal de calquera entidade constitúen a chave para que a acción social e pública da mesma poida proxectarse correctamente e a alcanzar os obxectivos propostos.
E dito o anterior, no caso de Verín, non fica outra que denunciar, tras dous anos de espera, que a organización e o funcionamento interno en materia de persoal do Concello son, sinxelamente, un "caos" e un "desastre", por falta de dirección e competencia.
Case ao mesmo tempo que o actual Grupo de Goberno tomou posesión, en 2015, a Sala do CA do TSXG publicou unha Sentenza, anulando os Orzamentos Municipais do ano 2011, pola negativa do anterior grupo de Goberno a negociar as seguintes materias:
* Relación de Postos de Traballo, aprobada no ano 2004.
* Convenio Colectivo do Persoal Laboral, vencido no ano 2007
* Acordo Regulador de Funcionarios/as, vencido no ano 2007
* Bases de contratación do persoal laboral, vixentes, mais remendadas e desfasadas por ser anteriores ao Estatuto Básico do Empregado/a Público.
A CIG/CSIF/CCOO e o actual Grupo de Goberno chegamos ao acordo de establecer un calendario pra negociar e desbloquear a situación.
Aínda tardando mais dun ano, o día 8 de xullo do 2016, a Mesa de Negociación do Concello de Verín aprobou o denominado: "Acordo pra regular a actualización da RPT, a renovación dos Convenios Colectivos e as bases de contratación", por medio do que se estabeleceu o seguinte calendario negociador:
* No pleno seguinte, ao 8 de xullo do 2016, presentaríase, para a súa aprobación, o proprio Acordo subscrito.
* Antes do 31 de Decembro do 2016 negociaríanse e aprobaríanse as novas Bases de Contratación e a Relación de Postos de Traballo Municipal.
* Antes do 30 de marzo do 2017 negociaríase e aprobaríase o Convenio Colectivo do Persoal Laboral e o Acordo Regulador de Funcionarios/as.
A día de hoxe, o Grupo de Goberno non foi quen de levar ao Pleno nen sequera o Acordo subscrito polo seu Alcalde o 8 de xullo do 2016 e, tras múltiplos intentos de solucionar o problema, o único que conseguimos foron promesas, compromisos, preacordos e pactos, reiteradamente, dilatados e, continuamente, incumpridos. Tan só fomos quen de modificar o complemento específico da policía local, pola nocturnidade, e iso porque xa estaba preacordado co anterior grupo de goberno.
En conclusión, o balanzo non pode ser mais frustrante e desacougante: é mágoa ter que constatar que na acción de goberno do bipartito, en materia de persoal, rexe o principio: poli bó/poli incapaz !!!! Temos un Alcalde que a todo nos di que si: é o que poderiamos denominar "un político siísta". Mais, cada vez que nos di que "si" xa sabemos que ou é que non o vai facer ou é que "non".
Nesta altura nen sequera, formalmente, existe a negociación colectiva e a deixación das obrigas municipais, en materia de persoal, está chegando a tal punto que non temos mais saída que anunciar as seguintes accións, no caso de que non se produza unha viraxe imediata e radical da situación:
A CIG demandará xudicialmente ao Concello de Verín por violación do dereito á negociación colectiva.
b) A CIG demandará xudicialmente ao Concello de Verín por incumprimento do Acordo alcanzado o 8 de xullo do 2016, esixindo a responsabilidade persoal dos incumpridores.
c) A CIG demandará xudicialmente todas as contratacións temporais que realice o Concello de Verín, por non aterse ao pactado o 8 de xullo de 2016 en materia de control e transparencia do traballo público.
d) A CIG votará en contra dos orzamentos municipais pra 2017, que con 4 meses de retraso nenguén sabe en que caixón estarán perdidos.

