Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

O alcalde do Concello de Vilariño de Conso comprométese a avanzar na sinatura do convenio do persoal laboral

08 Mai 2009

Os traballadores/as municipais levan agardando máis de ano e medio polo novo documento

Luis Ferreiro, da Unión Local da CIG-Verín, explica que nesta ocasión, tanto o alcalde como o tenente de alcalde manifestaron o seu compromiso de volvérense sentar coa central e os/as representantes dos/as traballadores/as o vindeiro martes 12 de maio, coa “firme intención” de pechar definitivamente o acordo, asinalo por todas as partes e pór data á celebración do Pleno Municipal que o debe aprobar.

“Dende a CIG queremos que se saiba que en reunións anteriores da Mesa Xeral de negociación xa foron consensuados tanto o texto do convenio como a táboa salarial dos/as traballadores/as, e que o único que resta polo tanto é a sinatura das partes negociadoras”, sinala Fereiro.

Os responsábeis da Unión Local da central tamén subliñaron que “non estamos dispostos a tolerar máis dilacións que non teñen ningunha xustificación”, e advertiron ao alcalde de Vilariño de Conso que se na próxima xuntanza non muda os seus posicionamentos “caprichosos” e non asina o que xa está negociado e consensuado, “A CIG e os traballadores e traballadoras do Concello promoverán diferentes actos e mobilizacións para tratar de que o rexedor municipal recobre a cordura e actúe en consonancia co posto que desempeña”.

Volver