Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
López Casas posíbel substituto en caso de inhabilitación
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

O ALCALDE DE XINZO NON ATOPA XUÍZ QUE DEA CRETO A SÚA DEFENSA

01 Xun 2014

Nova reproducida: La Voz de Galicia. Sección Ourense. Autor: Miguel Ascón. Día: 31/05/14

O xulgado de instrución de Xinzo, dous contencioso-administrativos de Ourense, o Ministerio Fiscal, a Avogacía do Estado, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e, agora, a Audiencia Provincial. En todas esas instancias foron rexeitados os argumentos xurídicos do alcalde de Xinzo, Antonio Pérez. As súas contratacións de persoal puxérono no punto de mira da Xustiza e, por máis que o intenta, o rexedor non consegue atopar un xuíz que dea crédito aos seus argumentos.

De feito, está a comezar a ser un costume que nos plenos da Deputación a oposición aproveite para suxerirlle ao presidente, José Manuel Baltar, que force a dimisión de Pérez, que tamén é membro do goberno provincial. Onte foi Xaime Óscar Iglesias, deputado do BNG, quen aludiu ás recentes sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza sobre as súas contratacións de persoal. Ata agora coñecéronse cinco fallos do TSXG nesa liña e, consciente de que hai outros catro procesos similares pendentes de resolución nese tribunal, o alcalde de Xinzo decidiu falar: «E vai haber algunha [sentenza] máis. Se non o sabe xa o vou informando». 

Máis tarde, xa fora do pleno, Antonio Pérez mostrábase sorprendido pola rapidez coa que se resolven os procesos xudiciais en contra da súa xestión municipal, dando a entender (sen dicilo, iso si) que hai unha mau negra que quere velo caer. E xa se sabe que os piores inimigos en política están no propio partido. O alcalde de Xinzo reflexionaba onte sobre iso sen ter sido informado aínda dunha nova decisión xudicial contraria aos seus intereses, tomada neste caso pola Audiencia Provincial.

Novo pau

Derivadas das súas contratacións orixináronse varios problemas xurídicos para Antonio Pérez. As, até agora, cinco sentenzas do TSXG que certifican a ilegalidade doutros contratos confirman tamén os indicios de prevaricación que están a ser investigados no Xulgado de Xinzo. O alcalde, di o alto tribunal galego, actuou movido por «favoritismo» e non respectou as máis elementais regras de acceso ao emprego público coa intención de beneficiar a determinadas persoas.

A existencia de informes dos funcionarios de Xinzo alertando desas irregularidades sustenta esas afirmacións do TSXG, a pesar de que o rexedor intentou negar validez a eses documentos. Antonio Pérez interveu o computador do secretario municipal e, tras estudar o seu contido, denunciou que as datas dos informes foran falsificadas e que, en realidade, foran elaborados con posterioridade ás contratacións.

Pois ben, o Xulgado de Xinzo -ademais de imputar ao alcalde nunha investigación por revelación de segredos e coaccións aberta por mor de que o secretario denunciase o ocorrido- arquivou a denuncia de Antonio Pérez pola suposta falsificación. Este recorreu e a Audiencia Provincial acaba de pronunciarse. A súa decisión, contra a que non cabe recurso, insiste en que as acusacións do rexedor teñen un obxectivo «defensivo ou exculpatorio».

Até cinco xulgados desestimaron as peticións feitas polo rexedor

Antonio Pérez di estar sorprendido pola rápida resolución de todos os casos contra el

Volver