Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

O alcalde de Verín ordena retirar unhas pancartas da CIG porque o seu contido non se axustaba á taxa pagada pola central

28 Dec 2012

Para a Unión Local da CIG esta decisión atenta contra o dereitos de liberdade ideolóxica e liberdade sindical

“O señor Jiménez Morán”, denuncia o Secretario Confederal de Formación da CIG, Anxo García Torres, “vén de executar unha acción que, por moi esperpéntica que pareza, dá a medida da súas conviccións democráticas ao atentar contra os dereitos fundamentais e liberdades públicas da nosa central sindical”.

Segundo explica o responsábel sindical, a secuencia dos feitos é como segue:

1.- O 20 de Decembro do 2012 (rexistro de entrada 12005), a CIG solicitou, perante o Alcalde do Concello de Verín, licenza municipal para colocación de catro pancartas, en distintas varandas da vila de Verín; sen detalle do contido da campaña sindical para a que se dispuñan.

2.- O contido das pancartas, enmarcouse nunha campaña de protesta e crítica pola situación da Comarca de Monterrei e, especificamente, polo anuncio de pechamento do Parador de Turismo de Monterrei.

3.- O día 21 de Decembro do 2012 (rexistro de saída 11253) a CIG recibiu comunicación do Decreto da Alcaldía do Concello de Verín polo que se autorizou, baixo unha serie de condicións de seguranza e pagamento de taxas, a colocación das catro pancartas indicadas no punto precedente.

4.- O día 26 de Decembro do 2012 a CIG liquidou, por valor de 21,18 euros, as taxas municipais para a colocación das pancartas en bens de dominio público, procedendo á colocación das pancartas.

5.- O día 27 de Decembro do 2012 (rexistro de saída 11322) a CIG recibiu comunicación do Decreto da Alcaldía do Concello de Verín polo que se ordenou á policía local a retirada das pancartas, ao revogarse a autorización municipal conferida, posto que, ao entender da Alcaldía, os soportes publicitarios non aludían á defensa dos postos de traballo do parador de turismo de Verín e, como consecuencia diso, sorprendentemente, se producía un feito impoñíbel diferente ao autorizado polo decreto da Alcaldía do 21 de Decembro do 2012.

Recurso contencioso-administrativo

Para a CIG de Verín, a decisión do Alcalde de revogar a licenza municipal concedida, así como ordenar a retirada das pancartas colocadas pola central sindical, viola gravemente os dereitos fundamentais de liberdade ideolóxica (artigo 16 CE), liberdade de expresión (artigo 20 CE) e liberdade sindical (artigo 28 CE); “incorrendo nunha conduta reiterativa, consistente en impedir o libre exercicio de tais dereitos ao sindicato CIG, no termo municipal de Verín”.

Neste senso, García Torres lembra que no ano 2011,  xa foi condenado por violar os dereitos expresión e liberdade sindical, polo Xulgado Contencioso de Ourense, ao impedir á CIG o uso de megafonías para publicitar unha folga xeral.

O representante da CIG considera irrisorio que o Alcalde de Verín argumente, na resolución ditada, que o feito impoñíbel dunha taxa municipal poda variar ou modificarse en función do contido ideolóxico, informativo ou comunicativo dunha campaña publicitaria. “O rexedor local, en definitiva, está a dicirlle á CIG e á cidadanía en xeral que dado que el pensaba que as pancartas aludían, exclusivamente, á defensa dos postos de traballo do Parador de Turismo de Monterrei, a taxa municipal foi calculada cun determinado tipo impositivo; mais ao comprobar que as pancartas aluden a ese tema e tamén critican a súa propia xestión municipal, o tipo impositivo debe ser distinto: Será mais caro criticar ao Alcalde que a outros estamentos?”, pregúntase.

Neste senso, sinala que o argumento do rexedor local asociando ao feito impoñíbel dunha taxa ao contido informativo, comunicativo ou ideolóxico dunha pancarta, sería simplemente inconstitucional, ademais de esperpéntico, de estar vixente unha normativa municipal que contivese tal cláusula. Mais, o certo é que nin sequera existe un suposto semellante, posto que na Ordenanza municipal de aplicación non existe un só precepto nin parecido ao esgrimido por Jiménez Morán.

“Non é quen, o señor Alcalde do Concello de Verín, de restrinxir ou limitar os contidos dunha campaña sindical, por moito que non sexan do seu gusto ideolóxico e tampouco é competente para modular as expresións, opinións ou manifestacións ideolóxicas dunha central sindical que critica a súa política”, subliña.

Fronte a esta actitude, a CIG interpuxo esta mesma mañá un recurso no Xulgado Contencioso Administrativo nº 2 d’Ourense, recabando a protección dos seus dereitos fundamentais e solicitando a suspensión do Decreto do Concello de Verín. A maiores a CIG está a estudar a viabilidade de presentar unha denuncia penal contra o Alcalde do Concello de Verín solicitando que se depuren as súas responsabilidades no que podería constituír unha decisión inxusta a sabendas. 

Volver